As forzas de seguridade reforzan os controis nos concellos con maior incidencia de covid-19

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, presidiu hoxe a reunión semanal do Centro de Coordinación (CECOR) da provincia á que asistiron responsables da Garda Civil; da Policía Nacional; da Policía Autonómica; das Policías Locais de Ourense, Barbadás, O Carballiño, Verín e Xinzo de Limia; e representante da Xunta de Galicia.

Publicidade

Este órgano reuniuse para avaliar a situación actual e analizar o cumprimento das medidas decretadas pola Xunta de Galicia vixentes dende o pasado venres, así como aquelas que entrarán en vigor a partir do xoves, vinte e un de xaneiro. Neste sentido, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a Unidade da Policía Autonómica e os corpos de Policía Local de cada concello continuarán traballando conxuntamente na vixilancia das novas restricións impostas.

Na xuntanza destacouse o reforzo dos operativos dende o pasado venres, centrados no correcto cumprimento das reunións e na mobilidade, con dispositivos dinámicos de tráfico nas vías de maior densidade circulatoria e con especial incidencia nas concentracións relativas aos centros comerciais e as súas contornas.

Así mesmo, no CECOR acordouse incrementar os operativos de control e vixilancia das medidas decretadas pola Xunta de Galicia naqueles concellos nos que existe unha maior incidencia de casos activos de COVID-19, así como intensificar o control dos pasos fronteirizos.

Emilio González reiterou unha vez máis a necesidade de apelar á responsabilidade colectiva e individual para non baixar a garda na loita contra o coronavirus. O subdelegado do Goberno sinalou o “cumprimento pola maioría da poboación” das medidas vixentes e agradeceu “a súa comprensión e responsabilidade”, pero incidiu na importancia de “non relaxar as normas establecidas para conter o virus da COVID-19, seguir as indicacións ditadas polas autoridades sanitarias e limitar a mobilidade ao estritamente imprescindible”.

Durante o transcurso da reunión, Emilio González deu a coñecer os datos dos controis levados a cabo pola Garda Civil e a Policía Nacional dende a entrada en vigor das novas restricións decretadas pola Xunta de Galicia o pasado venres e ata onte, 18 de xaneiro. En total, leváronse a cabo 292 operativos, nos que foron controlados 1.387 vehículos, identificouse a 83 persoas e eleváronse 107 propostas de sanción.

Dende o pasado 21 de decembro a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron un total de 1.831 dispositivos de control e vixilancia coa finalidade de velar polo cumprimento da normativa establecida polas autoridades sanitarias. Como consecuencia desa labor foron controlados un total de 3.114 vehículos, identificáronse 991 cidadáns, realizáronse 751 propostas de sanción e foron detidas 4 persoas.

Emilio González recalcou o seu recoñecemento ás forzas e corpos de seguridade do Estado, á Policía Autonómica e aos corpos de Policía Local polo traballo coordinado, dende o pasado mes de marzo, para velar polo cumprimento das normas sanitarias, garantindo a protección da saúde da cidadanía ourensá.