O Psdeg-Psoe de Ourense amosa o seu “desacordo” co proxecto da estación intermodal e propón un pacto a todas as forzas políticas “para loitar por un mellor”

“Os socialistas cremos que Ourense merece un proxecto mellor e entendemos que estamos nun momento clave para deixar atrás as diferencias políticas co fin de poñerse ao lado da cidadanía”, sinalan

O PSdeG-PSOE ourensán sempre cuestionou este deseño, implantado á forza polo PP no ano 2016, a través do “convenio do cambiazo” asinado coa Xunta e co goberno local de Jesús Vázquez

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu “desacordo” co proxecto que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) está a impulsar para a estación intermodal da terceira cidade de Galicia e propón un pacto a todas as forzas políticas “para loitar por un mellor”. Os socialistas defenden o “compromiso inequívoco do actual Goberno central coa alta velocidade”, materializada a través do pulo que está a recibir o tramo Taboadela-Ourense que será licitado proximamente, pero “lamentan” que as alegacións para a mellora do deseño da estación foran rexeitadas.

“Os socialistas cremos que Ourense merece un proxecto mellor e entendemos que estamos ante un momento clave para deixar atrás as diferenzas políticas, co fin de poñerse ao lado da cidadanía, ante o gran proxecto do século nesta cidade”, unha “oportunidade” que “debemos pelexar diante de todas as administracións”, aseguran. “É imprescindible non esquecer os feitos que nos trouxeron ata esta situación ante a falta de liderazgo político e institucional, pero si debemos acadar converxencias entre todas as forzas políticas para defender os intereses da cidade e da veciñanza”, resaltan desde o PSOE.

“O actual proxecto non resolverá a conectividade entre os barrios da Ponte e do Vinteún” e “creará novos problemas como un muro paralelo á avenida de Marín”. “Ourense merece un proxecto integral que actúe nos 200.000 metros cadrados que ocupa a terminal ferroviaria e non un deseño que abandona a meirande parte deste espazo ou que deturpa o edificio histórico”, insisten.

O PSdeG-PSOE de Ourense sempre cuestionou este deseño, implantado á forza polo PP no ano 2016, a través dun convenio asinado coa Xunta e co goberno local de Jesús Vázquez. Tres anos antes, a exministra de Fomento, Ana Pastor, decidira desbotar o deseño ganador do concurso de ideas de 2011 asinado polo estudio de Norman Foster. “Ese convenio atornillou o cambiazo no proxecto da intermodal, pasando dun deseño de calidade a outro que nada ten que ver co orixinal”, advirten. O exministro de Fomento popular, Íñigo de la Serna, tamén propuxo non executar o tramo da liña de alta velocidade Taboadela-Ourense, unha infraestrutura que Pastor ordenara paralizar sine die xa no ano 2012.

“Resulta curioso que o PP pida agora maiores investimentos, cando nunca defenderon a variante exterior, xa que a súa proposta era que o tren atravesara a cidade polo corredor actual, e inicialmente tampouco reclamaban a mellora do edificio da estación”, recordan. “Os que piden investimentos agora son os mesmos que hai oito anos pedían informes secretos para poder recortar todo, pregándose aos intereses do seu partido no lugar de defender á cidade”, sinalan.

Así mesmo, cualifican de “oportunismo político” o posicionamento anunciado hoxe polo rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, tras “ano e medio na alcaldía sen facer absolutamente nada, ficando de perfil ou alineándose co PP neste asunto”. A pesar destes feitos, os socialistas cren que “é momento de mirar cara adiante, buscando un gran acordo de todos e todas a través dun pacto unánime que defenda os intereses de Ourense”, conclúen.