Sanidade decide o próximo luns como se fará a desescalada das medidas restritivas en Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o próximo luns a administración galega dará a coñecer o plan no que se levantarán as restricións vixentes. Recordamos que ata o día 17 de febreiro, toda Galicia está no nivel máis alto de medidas sanitarias, con peche da hostalaría, toque de queda ás 22:00 horas peche do comercio non esencial ás 18:00 horas e peche perimetral de cada concello.

A melloría xeralizada que se está a notar nas últimas semanas permitirá que esas medidas comecen a relaxarse, pero ata o luns non saberemos en que medida. O presidente da Xunta anuncia que estes alivios deberán facerse cunha desescalada paulatina e o conselleiro de Sanidade alerta de que a presión asistencial dos hospitais aínda non está en situación óptima para aliviar as medidas.

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou un investimento de máis de dous millóns de euros na adquisición de equipamento para as sete áreas sanitarias, entre os que destacou: 31 ventiladores non invasivos, 16 equipos de radioloxía portátil e 7 tomógrafos de impedancia eléctrica.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu na importancia de que os centros hospitalarios estean preparados para dar resposta aos pacientes non só cun diagnóstico correcto, senón tamén mellorando as condicións do seu equipamento, evitando, dixo, ingresos na UCI cando non requiran un ventilador invasivo e traslados de pacientes a radioloxía para realizar as probas.