Manuel Baltar supervisa os traballos da montaxe da exposición Galicia, de Nós a nós

Visita Manuel Baltar (presidente da Deputación Ourense) á montaxe da Exposición de “Nos a Nos”, no Centro Cultural "Marcos Valcarcel" acompañado por Afonso Monxardín (Curador da Exposción) e Aurelio Gómez Villar (Asesor de Cultura da Deputación Ourense).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, supervisou a montaxe da exposición Galicia, de Nós a nós, xunto co comisario da mostra, Afonso Vázquez Monxardín, e o asesor de Cultura da Deputación Aurelio Gómez Villar, exposición que estes días está a instalarse no centro cultural “Marcos Valcárcel” e, se a situación da pandemia do COVID-19 o permite, abrirá ao público o vindeiro 18 de febreiro e ata o 18 de abril. 

Trátase da mostra máis completa -300 pezas- sobre o movemento cultural, político e social “máis importante da historia de Galicia, que alumeou o pensamento político galeguista”, destaca Baltar, quen afirma que sería “inimaxinable” pensar na historia de Galicia sen a Xeración Nós. “A conciencia de país e esta nación cultural non terían sido, de non contar co pensamento galeguista que foi quen de agromar xunto ao grupo de intelectuais que alumearon un movemento inspirador ao que moito lle debe o autogoberno co que contamos no século XXI”, remarca o presidente da Deputación de Ourense. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar sinala que vimos de celebrar en 2020 os cen anos da aparición do primeiro número da revista Nós, “aínda que conmemoramos moito máis; se non houbesen existido a  revista e a xeración que a bautizou habería que inventalas, xa que son os piares da nosa identidade, razón de peso suficiente para sentirmos orgullosos por militar nunha idea, nunha realidade, chamada Galicia”. 

A exposición amosará a traxectoria do movemento Nós xunto con obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal, que poñen o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, remarcando a dimensión de universalidade da cultura galega. Tamén destaca o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento e internacionalización da lingua e da cultura galegas.