O PP négase a reclamar ao goberno central melloras na estación intermodal e na integración do ave en ourense e defende un proxecto “prexudicial” para a cidade

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os populares rexeitan que se convoque a comisión de seguimento das obras do AVE despois de que mesmo a súa conselleira, Ethel Vázquez, o solicitara publicamente durante a apertura da estación de autobuses

Dende o PSdeG-PSOE fan un chamamento a todos os grupos a facer unha fronte común con colectivos que avogan pola defensa dunha intermodal digna, tales como o COAG ou a Plataforma Tren Digno

 O grupo municipal popular vén de rexeitar unha emenda presentada no pleno extraordinario deste venres por parte do PSdeG-PSOE para instar ao Ministerio de Fomento a convocar a comisión de seguimento das obras do AVE, a mellorar de xeito urxente a intermodal e a cumprir os compromisos orzamentarios e de licitación da variante exterior. Así, o PP amosa a súa negativa a reclamar ao Goberno central as melloras necesarias no proxecto da chegada do AVE a Ourense e defende un proxecto “prexudicial” para o presente e o futuro da cidade.

Os populares presentaron unha moción para aprobación do pleno na que instaban ao Goberno do Estado a cumprir os seus compromisos orzamentarios coa chegada do AVE, sen incluír referencia algunha á necesidade de mellorar o proxecto existente e conseguir unha intermodal “digna e de calidade”. Por este motivo, o grupo municipal socialista presentou un texto alternativo recollendo “os compromisos e as actuacións vitais e irrenunciables para a chegada do AVE”, que foi aprobado pese ao voto en contra dos populares.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Trátase dunha imperdoable falta de ambición co proxecto máis importante do século na cidade” manifestan os socialistas, que interpretan a posición dos populares como “unha mostra de servilismo e do pouco ou nada que lles importa Ourense”.

Cómpre lembrar que mesmo a conselleira de infraestruturas, Ethel Vázquez, solicitou publicamente que se convocase a comisión de seguimento do convenio de colaboración para as obras do AVE durante a apertura da nova estación de autobuses, polo que desde o grupo municipal socialista convidan ao PP ourensán a que “explique con claridade os motivos polos que non queren que a cidade de Ourense teña o mellor proxecto posible”.

Por outra banda, a vicevoceira do grupo municipal socialista, Natalia González, apuntou á falta de peso político do alcalde como lastre na defensa dos intereses de Ourense coa alta velocidade, e afeoulle a Jácome a súa actitude conformista ante a obra máis relevante deste século en Ourense. Neste sentido, os socialistas anuncian que “loitarán” para que a cidade teña o “a intermodal que precisa e merece” e fan un chamamento ao resto de grupos a facer unha fronte común con colectivos que avogan pola defensa dunha intermodal digna, tales como o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) ou a Plataforma Tren Digno.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------