O Psoe impulsa no Congreso unha iniciativa para renovar e implantar novos sistemas intelixentes de transporte (its) nas estradas de acceso á cidade de Ourense

Abellás e Tizón consideran que levan “moitos anos sen renovarse”, polo que “precisan unha actualización inmediata” mediante a “ampliación con novos equipos, ademais de reforzar os existentes”

Unha PNL que será defendida este xoves reclama novos equipamentos nas estradas OU-525, OU-536, OU-105, OU-402 e VG-3.1 (San Cibrao), así como reforzar os existentes na OU-11 e nas nacionais 120 e 525

AVANTAR ACTIVIDADES

Os representantes do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso veñen de impulsar unha iniciativa para renovar e implantar novos sistemas intelixentes de transporte (ITS) nas vías de acceso á terceira cidade de Galicia. Os socialistas explican que estes elementos que instala a Dirección Xeral de Tráfico –paneis de mensaxe variable, bandeirolas, aforadores contadores de vehículos, cámaras de monitoraxe do tráfico ou estacións meteorolóxicas, entre outros– levan “moitos anos sen renovarse” nos accesos, polo que “precisan actualización inmediata” mediante a “ampliación con novos equipos, ademais de reforzar os existentes”

Por iso, o deputado, Adolfo Pérez Abellás, e a deputada, Uxía Tizón, presentaron unha proposición non de lei (PNL) que será defendida polo portavoz adxunto da Comisión de Seguridade Viaria, Adolfo Pérez Abellás, o vindeiro xoves día 18 de febreiro. Os socialistas demandarán concretamente as seguintes actuacións:

  1. PMV (paneis de mensaxe variable) completo ou tipo bandeirola nas seguintes vías:

·       OU-536 (Ourense-Trives) entre os puntos quilométricos 1 e o 2, en ambos os sentidos. Na glorieta situada nesta mesma vía na localidade dos Viros (quilómetro 2) tamén reclaman unha cámara de monitoraxe, ao producirse moitos sinistros entre os puntos quilométricos 1,5 e 2,5 nas entradas e saídas á devandita glorieta.

·       N-525 (Ourense-Benavente), en ambos os sentidos, na zona da recta (punto quilométrico 236) con saída cara Barbadás/Carrefour/Ourense-Fonsillón, por ser zona de gran intensidade media diaria de tráfico.

·       OU-105 (Ourense-Ponte Noalla), polo menos en sentido Noalla, na zona previa á saída cara Seixalbo/Tanatorio.

·       OU-402 (Ourense-Cortegada, sentido Cortegada, na zona de Reza, entre os puntos quilométricos 1 e 2). Instalación dunha bandeirola pola intensidade de tráfico as fins de semana, a causa do acceso ás termas e ao tránsito  de numerosos ciclistas, que provoca situacións de conflito.

  1. Reforzar os equipos ITS xa instalados en tres zonas: no acceso centro da A-52 (OU-11), na N-120 (saída cidade na zona do Pino) e no enlace da N-120 e a N-525 á altura de Velle.

Fóra dos accesos á capital ourensá, o deputado e a deputada do PSdeG-PSOE tamén consideran que se debe estudar a instalación de equipos ITS (panel de mensaxe variable e cámara de monitoraxe) na glorieta de nova construción na OU-525 na que finaliza o novo vial 3.1 –de titularidade autonómica– de conexión entre a autovía das Rías Baixas e a contorna do polígono industrial de San Cibrao das Viñas.

Os sistemas de transporte intelixentes (ITS, acrónimo do seu nome en inglés Intelligent Transportation Systems), son un conxunto de aplicacións informáticas e sistemas técnicos, que teñen por obxectivo mellorar a seguridade e eficiencia no transporte terrestre, facilitando os traballos de control, xestión e seguimento. Estes sistemas obteñen datos das estradas en tempo real e, unha vez analizados, úsanse para mellorar a seguridade e confort dos viaxeiros e viaxeiras, conclúen os socialistas.