A Xunta lanza hoxe o 2º Plan de Rescate para hostalaría e negocios pechados

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desenvolveu esta mañá un webinar informativo dirixido ao sector da hostalaría e outras actividades pechadas polas medidas sanitarias (ximnasios, parques infantís, feirantes…), para explicarlles polo miúdo o 2º Plan e rescate do Goberno galego.

Gabriel Alén, que estivo acompañado do xefe territorial da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Manuel Pardo, e do xefe territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, Yago Borrajo, anunciou que a segunda liña de axudas do Plan de rescate publicarase mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) e estará dotada con 15 millóns de euros. Son apoios  dirixidos a establecementos hostaleiros e outros negocios pechados polas restricións sanitarias impostas en xaneiro para seguir facendo fronte á pandemia. A primeira liña de apoios do segundo Plan de Rescate, a dirixida a autónomos e microempresas que está dotada con 60 millóns de euros, pode solicitarse desde o pasado venres e ata o próximo 18 de marzo. Así, en global, a Xunta mobilizará en tempo récord, catro meses, máis de 161 millóns de euros para apoiar aos sectores máis afectados pola covid-19.

AVANTAR ACTIVIDADES

Trátase da segunda xornada informativa que se celebra telemáticamente na Delegación Territorial de Ourense para informar polo miúdo o 2º Plan de axudas aos sectores afectados pola pandemia. O pasado venres tivo lugar o webinar dirixido a autónomos e microempresas no que participaron 157 afectados e representantes de xestorías.

O delegado territorial explicou que as axudas do segundo plan de rescate son compatibles e acumulables coas do primeiro, en virtude do cal se aboaron máis de 33.605 axudas en tempo récord, por un importe de 69 millóns de euros en toda Galicia, e que ata o de agora todas as axudas que cumpriron os requisitos foron pagadas.

Deste xeito, destacou Gabriel Alén, que o 60% desta cantidade foi destinada ás axudas solicitadas polo sector da hostalería, en concreto, 38,8 millóns de euros; resultando que un negocio ou establecemento que se beneficie do primeiro e do segundo Plan de rescate podería percibir un mínimo de 3.400 euros ata un máximo de 24.200 euros.

En concreto, os apoios no segundo Plan de Rescate serán de 1.500 a 3.000 euros para autónomos, de 1.900 a 3.700 para hostaleiros e outras actividades pechadas e de 4.000 a 9.000 para microempresas.

Aos participantes no webinar,  o delegado territorial insistiulle en que todas estas liñas de apoios serán compatibles, ao respecto e como exemplo explicou que no caso dun establecemento de hostalería cunha caída de facturación de polo menos o 70% e cun número de empregados entre 21 e 25, podería percibir ata 15.700 euros. Ademais, apuntou que o sistema de tramitación do segundo Plan será máis áxil e sinxelo que o primeiro. Así, a tramitación dos novos apoios realizarase, con pouca burocracia, o que permitirá que os primeiros pagos cheguen en cuestión de días, antes incluso de que remate o prazo de solicitude, como ocorreu co primeiro plan.

Novidades

Como novidade, o Goberno galego, por mor da situación económica da covid-19, permitirá que poidan acceder ás axudas as empresarias e empresarios que teñan contraído pequenas débedas coas administracións públicas (tributarias ou coa Seguridade Social). Nestes casos, a débeda non poderá superar o 80% da axuda a percibir e as persoas beneficiarias deben comprometerse a saldalas e comunicalo no prazo de quince días. Os empresarios que estean ao corrente, percibirán a totalidade da axuda nun único pago.

Deste xeito, tal e como acentuou o delegado durante a xuntanza, a Xunta responde ás peticións formuladas polos diferentes sectores afectados. Trátase dunha medida excepcional tendo en conta a situación actual, que facilita o acceso ás axudas públicas a negocios con pequenas débedas coa Administración, sen prexuízo de que teñan que cumprir coas súas obrigas tributarias e coa seguridade social.

Neste contexto, Gabriel Alén destacou que o Goberno galego segue a acompañar con axudas directas aos empresarios que enfrontan con maiores dificultades esta fase da pandemia. Cos apoios preténdese contribuír ao mantemento da súa actividade económica e do emprego.

Dúbidas

Os empresarios que teñan dúbidas teñen a súa disposición a aplicación móbil (app) Gohu, a liña de teléfono 900 815 600 e a conta de correo electrónico hola@gohu.es , diversos canles a través dos que a Consellería de Emprego e Igualdade está a informar das novidades do Plan. Ademais, as bases da convocatoria poden consultarse a través da web do departamento autonómico.