O Psdeg-Psoe denuncia unha nova “chapuza” da Xunta na reforma da rúa Marcelo Macías e esixe a convocatoria urxente da comisión de seguimento das obras

Os socialistas levarán unha moción pleno municipal para solicitar que se reparen as “innumerables eivas” informadas polos técnicos municipais, ás que a Xunta fixo caso omiso despois de catro meses

Publicidade

Advirten que a deficiente execución das obras terá “consecuencias graves” para a veciñanza da zona, e consideran que se trata doutra “oportunidade perdida” para facer unha reforma de calidade e futuro

Tralo desleixo amosado pola Xunta de Galicia na execución das obras da rúa Otero Pedrayo ou na recente apertura da “rotonda-pendello” de autobuses, o PSdeG-PSOE alerta dunha nova “chapuza” de Feijóo e Ethel Vázquez en Ourense, esta vez na reforma da rúa Marcelo Macías. Os socialistas denuncian que os técnicos municipais advertiron de “graves deficiencias” nas obras ata en tres ocasións nos últimos catro meses, ás que a AXI –a Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Consellaría de Infraestruturas–  fixo “caso omiso”.

“É máis, a propia conselleira, Ethel Vázquez, anunciou a semana pasada que van axilizar as obras, é dicir, que van seguir adiante coa chapuza sen facer caso aos requirimentos dos técnicos do Concello de Ourense, co único fin de colgarse a medalla, incumprindo incluso os pregos técnicos e de licitación do propio proxecto”, condenou a vicevoceira socialista, Natalia González.

“Atopámonos ante outra oportunidade perdida, como no caso das obras da rúa Otero Pedrayo, para facer unha reforma de calidade e futuro para Ourense”, sinalou González, quen ademais advertiu das “graves consecuencias” que a deficiente execución da obra terá para a veciñanza da zona. “O Concello non poderá recepcionar a obra e polo tanto facerse cargo do seu mantemento e conservación no futuro”, concluíu. 

Así, os socialistas xa anunciaron que levarán ao vindeiro pleno municipal unha moción para instar á Xunta de Galicia a reparar todas as eivas detectadas polos técnicos do Concello e a convocar, de xeito urxente, a comisión de seguimento das obras de reforma da rúa Marcelo Macías, e así evitar un novo episodio de “desleixo e marxinación do PP coa terceira cidade de Galicia”.

Entre as “innumerables eivas” informadas por parte dos técnicos en outubro, novembro e xaneiro de 2021, e ignoradas pola AXI, atópanse aspectos cualitativos e cuantitativos como a deficiente execución dos bordos e do recheo das gabias ou o total descontrol das conexións con redes de servizo existentes, ademais dos problemas que afectan á rede de saneamento e ao alumeado público.

Concretamente, acorde aos informes emitidos polos técnicos, os bordos están a ser realizados con capas de baixo espesor de formigón, son demasiado curtos e estanse a empregar morteiros caducados. A respecto das gabias, os recheos non se axustan ao contemplado no prego, o cal provocará problemas na condución de pluviais, con previsibles futuros afundimentos de terreo. No apartado de saneamento, os informes reflexan que os tubos tampouco cumpren as características establecidas nos pregos e algunhas pezas de conexión nin sequera están homologadas, entre outros aspectos como a utilización de tubos de fundición dúctil non executados correctamente.

No tocante ao alumeado, indícanse novos incumprimentos dos pregos, como a ausencia de arquetas novas, que deberían substituír as existentes, e denúnciase que as sinais informativas das obras están aparafusadas en soportes de iluminación pública, co consecuente dano ás instalacións. Neste mesmo apartado tamén se fai referencia ao recrecido dos pozos, feito de xeito arbitrario, e alértase da inexistencia de protección das instalacións existentes, co risco de accidente que isto supón. O equipo técnico municipal tamén fai referencia ao desnivel das bases para a instalación dos semáforos, que significa que cada reparación ou avaría no futuro provocará cortes de luz para poder ser arranxada.