O BNG pídelle ao PP que actúe e retire o apoio a Jácome para pór fín, dunha vez por todas, ao esperpento e o caos no que está sumido o concello

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Para os nacionalistas, as últimas novas xurdidas nun medio de comunicación local son da suficiente entidade como para que o PP, que colocou e mantén a Jácome na alcaldía do concello, diga claramente se vai manter esta situación ou se pensa rematar con ela.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

As novas xurdidas este domingo nun medio de comunicación local, son segundo o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, da suficiente entidade como para que aqueles que puxeron e manteñen a Jácome á fronte da alcaldía, decidan se o manteñen ata o final do mandato ou se pola contra permiten a formación dun goberno alternativo que saque a Ourense da parálise, do caos e do lodazal no que está sumido.

No tocante ás escoitas publicadas e independentemente do percorrido xudicial que poidan ter ou non, son, para o BNG, da suficiente entidade como para que políticamente teñan consecuencias.

Ditas escoitas demostran o proceder, por outro lado, nada novidoso, dunha persoa, Gonzalo P. Jácome, cuio único obxectivo é manterse na alcaldía. Ese é o seu día a día e non o de gobernar ou xestionar o concello. Un alcalde encerellado en cuestións internas e que desatende as súas obrigas como rexedor da terceira cidade do país.

Aquel que viña a limpar a vida política, a rematar con prácticas pouco edificantes e a transformar Ourense, está convertindo ao concello nun auténtico lodazal, onde a crispación, a tensión, as malas formas e a falla dun modelo e proxecto de cidade son o día a día.

Segundo o BNG, o aire cada vez é máis irrespirábel polo que cómpre, nunha situación de crise social e económica, onde centos de veciñas e veciños precisan axuda e unha administración áxil e cumpridora coas súas obrigas legais, tomar unha decisión e sacar ao concello desta situación.

Por este motivo é polo que os nacionalistas miran cara o PP, un PP que situou a Jácome á fronte da alcaldía pese a advertir que sería “letal” para Ourense. Un PP que lle deu osíxeno reincorporándose á Xunta de Goberno Local, onde por certo aínda seguen. Un PP que debe retirar o seu apoio, ven sexa directo ou indirecto, ao actual alcalde, e porlle fin dunha vez por todas a esta lamentábel situación.

Esta situación tan nociva ten responsábeis directos que teñen a obriga de resolvela, Feijóo e o PP. Nin Ourense nin as súas veciñas e veciños merecen tal esperpento.

O BNG seguirá traballando a prol dos intereses da cidade.