O concello repartirá 1.000 exemplares de El Cisne de Vilamorta entre o alumnado do Carballiño

Este ano O Carballiño pretende ser unha das vilas que lideren os recoñecementos á figura de Emilia Pardo Bazán. Tal como xa se anunciou, vanse celebrar unha serie de actividades e accións encamiñadas a destacar a vida e obra da escritora, pero tamén o seu gran vínculo co Carballiño. 

Esta semana, o Concello do Carballiño xa recibiu os 1.000 exemplares da reedición en facsímil da primeira edición do libro El Cisne de Vilamorta de Emilia Pardo Bazán. O exemplar orixinal foi facilitado pola Real Academia Galega e é o mesmo que se atopaba na casa da polifacética escritora. O Concello distribuirá os exemplares a partires da semana que ven, entre o alumnado de 4º da ESO e 1º de bacharelato dos centros educativos do Carballiño. Tamén se facilitarán durante o mes de abril varios exemplares para os usuarios da Biblioteca Municipal e tamén ás bibliotecas escolares da comarca.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ademais, dende a área de Cultura do Concello do Carballiño, tamén se anuncia para o verán unha das actuacións que se levarán a cabo con motivo das actividades de recoñecemento da figura de Emilia Pardo Bazan. Será un recital musical no que a recoñecida actriz María Galiana recitará as cartas de amor que intercambiou a escritora con Benito Pérez Galdós, sendo acompañada polo recoñecido barítono Luís Santana e Victor Carbajo ao piano. O espectáculo, que se chama Mi Miquiño del Alma, está pensado para espazos sinalados e moi poucas datas, e agarda ser unha das grandes actividades culturais deste ano.

Asimesmo, dentro de programa previsto para dar realce a efeméride do centenario da morte da escritora, que terá lugar o 12 de maio, tamén se levarán a cabo outras iniciativas como un percorrido guiado polos lugares vencellados coas estadías de Emilia Pardo Bazán no Carballiño e Banga, así como polos lugares citados na novela El Cisne de Vilamorta, e que contarán coa colaboración do Centro de Estudios Chamoso Lamas. 

Tamén se contempla efectuar unha lectura pública de El Cisne de Vilamorta, en colaboración coa Biblioteca Municipal e os centros educativos da vila, así como unha ofrenda floral no monumento a Emilia Pardo Bazán.

PUBLICIDADE