A parlamentaria socialista Marina Ortega pidelle á Xunta que constrúa unha residencia pública de maiores no Concello de Petín.

A parlamentaria socialista Marina Ortega levará á Comisión de Política Social unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta que constrúa unha residencia pública de maiores no Concello de Petín.

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa da súa deputada e do seu deputado, Marina Ortega Otero e Julio Torrado Quintela, a través do seu portavoz e ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara presentan ante esa Mesa a seguinte Proposición non de lei en Comisión 5.ª, Sanidade, Política Social e Emprego.

AVANTAR ACTIVIDADES

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O 31/07/2020 en sesión ordinaria, o Pleno da Corporación de Petín adoptou por unanimidade o seguinte acordo: “A tramitación ante a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social, e ao mesmo tempo ante a Deputación Provincial de Ourense a construción dunha Residencia Pública para persoas maiores.”

Actualmente Petín é o único concello da comarca de Valdeorras que carece de servizos que presenten unha atención integral e continuada para as persoas maiores. Segundo os datos do padrón local, un 32,43 % da poboación de dito concello ten máis de 65 anos de idade.

Tendo en conta estas circunstancias é fundamental que os veciños e veciñas de Petín conten cunha residencia de maiores que evite o éxodo dos seus habitantes cara a outros núcleos de poboación que dispoñan de este tipo de recursos.

Hai que ter en conta por outra banda, que a familia e contorna da persoa que ingresa nunha residencia fóra do seu núcleo terá dificultades engadidas para visitar e manter contacto habitual coa mesma. Polo que, dende o Grupo Parlamentario Socialista instamos a Xunta a que acceda á demanda veciñal de Petín para dotar dunha residencia de maiores ao concello e así contribuír a mellorar as condicións de vida das persoas maiores de Petín así coma das súas familias, e ao mesmo tempo colaborar no marco de acción do plan de impulso demográfico de Galicia afianzando poboación.

Polo exposto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta a seguinte Proposición non de lei:

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que leve a cabo as actuacións oportunas para a construción dunha residencia pública de maiores no Concello de Petín.”

PUBLICIDADE