Carballiño e Maside traballarán xuntos fronte o cambio climático

Os Plenos dos Concellos do Carballiño e Maside aprobaron a súa adhesión ao Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía, asumindo así os compromisos da Unión Europea en materia de clima e enerxía para o ano 2030 e que formalizou co seu rexistro na web da Oficina do Pacto da Unión Europea (www.pactodelosalcaldes.eu).

Coa adhesión ao Pacto, ámbolos dous Concellos contribúen á consecución da Axenda 2030, un chamamento universal desenvolto polas Nacións Unidas para alcanzar un mundo máis xusto e sostible. Esta folla de roteiro concrétase en 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), e mediante esta iniciativa póñense en práctica de modo máis directo o ODS 13 (Acción polo Clima) e o ODS 17 (Alianzas para alcanzar os ODS).

AVANTAR ACTIVIDADES

Unha vez aprobada a adhesión ao Pacto, o día 12 de xuño de 2020, os concellos de Maside e do Carballiño asinaron un convenio, único no contexto autonómico, para formar unha agrupación de entidades locais co fin de colaborar na elaboración conxunta dos seus respectivos PACES que garante o cumprimento dos seus obxectivos no ano 2030.

Unha vez redactado, cada PACES foi aprobado polo respectivo Pleno da corporación municipal e correctamente rexistrado, telematicamente, no sitio web da Oficina do Pacto da Unión Europea, segundo os procedementos establecidos pola propia Oficina.

As dúas entidades responsables comprométense tamén á elaboración, cada dous anos, dun informe de seguimento (o denominado «informe de acción») sobre a implantación do PACES.

Está prevista unha presentación pública dos PACES á veciñanza e aos empresarios dos municipios que terá lugar previsiblemente no auditorio municipal Manuel María do Carballiño nunha data que está pendente da evolución da pandemia da COVID.

A modo de resumo, coa súa adhesión ao Pacto dos Alcaldes, os dous concellos integran a loita contra o cambio climático como unha das variables que deben ter presente nas súas políticas, tanto desde o punto de vista de redución de gases de efecto invernadoiro como da necesaria adaptación ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o noso planeta. A realización dun Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES) é un dos compromisos adquiridos polos concellos asinantes do citado Pacto. O PACES incluirá medidas para o freo do cambio climático, consistentes na redución de consumos enerxéticos e a substitución de enerxías fósiles por renovables, reducindo así a pegada de carbono de ámbolos dous municipios.

PUBLICIDADE