
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá en sesión telemática aprobou as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes ao exercicio 2021, e as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas relacionadas coas artes escénicas e musicais. Tamén aprobou destinar un orzamento de 498.694 € para obras de infraestruturas e servizos en concellos da provincia.
No que atinxe ás actividades culturais e recreativas, considéranse como tales aquelas o estudo, difusión, exaltación ou posta en valor do patrimonio cultural material ou inmaterial ourensán, e, neste sentido, a edición e impresión de libros, publicacións seriadas ou obras audiovisuais en calquera soporte. Poderán presentarse ata un máximo de tres proxectos ao abeiro desta convocatoria, sendo a contía máxima dispoñible para a concesión destas subvencións de 100.000 €.
Tamén aprobou a Xunta de Goberno as bases da convocatoria para subvencións para festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas relacionadas coas artes escénicas e musicais, promovidos por persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que se desenvolvan na provincia de Ourense e que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021. Os solicitantes poderán presentar ata un máximo de tres proxectos ao abeiro desta convocatoria. A contía máxima dispoñible para a concesión destas subvencións é de 60.000 €.
Asemade, a Xunta de Goberno aprobou subvencións para os concellos de Castro Caldelas (48.000 €), Leiro (32.805 €), Monterrei (33.759 €) e San Cristovo de Cea (40.000 €) para obras de infraestruturas e mellora da eficiencia enerxética; e deu luz verde á modificación do Plan provincial incorporando as obras: “Rehabilitación superficial de firme con microaglomerado na OU-0203 As Marabillas-Santa Baia, cun orzamento de 113.750 €; “Reforzo de firme con mestura asfáltica na OU-0460, travesía do Carballiño, cun orzamento de 53.820 €, e “Reforzo de firme con mestura asfáltica na OU-0863 Petín (OU-636), cun orzamento de 16.560 €.