A enaxenación de inmobles propiedade do concello de Ribadavia debe estar condicionada a que se convirtan en vivenda accesible a todas as familias.

Logo de ver unha serie de novas nos medios de comunicación, interesámonos polos plans do goberno municipal para os inmobles propiedade do noso Concello no Casco Histórico de Ribadavia: cales son esas construcións, cal é o seu valor actual e cal é o uso que se lles quere dar.

En primeiro lugar trátase de nove inmobles, adquiridos polo Concello de Ribadavia hai aproximadamente 20 anos (rexistrados entre 2000 e 2003) e por un montante total, en euros, de 202.840.

AVANTAR ACTIVIDADES

Demandamos que se realice unha taxación de cal pode ser o valor actual de ditos inmobles e cales son os usos que se lle pretenden dar.

Consideramos dende o BNG que a enaxenación dun patrimonio público municipal só está xustificada pola existencia dun interese público, dun beneficio que reverta na nosa sociedade, polo que ditos inmobles teñen que ser destinados a vivenda accesible a todo tipo de familias que se queiran asentar no noso concello, se ben no caso da construción semirrehabilitada que se atopa na rúa Extramuros podería tamén axeitarse a un uso turístico/hostaleiro.