Conferencia de ADUR, MODEPEN e TREGA en Celanova

Familiares e traballadoras volven reclamar intervención pública nas residencias

María Rodríguez, familiar de residente na San Carlos de Celanova e membro de Adur, lembra que a Xunta xa advertiu deficiencias en dúas inspeccións no centro e lamenta que siga sen prestar atención de enfermaría as 24 horas, cando hai máis de trinta usuarias dependentes.

AVANTAR ACTIVIDADES

Sonia Jalda, do colectivo de traballadoras Trega, reclama cambios normativos para rematar coa precariedade, as carencias de formación e os problemas de saúde derivados das condicións de traballo. Mentres Francisco Vizoso, de Modepen, pide camiñar cara un sistema público de benestar e anuncia a creación dunha plataforma social galega ao redor desta demanda.

Sonia Jalda, da asociación de traballadoras de residencias TREGA, e Francisco Vizoso, de MODEPEN (Movemento Galego pola Defensa das Pensións), participaron este sábado nunha conferencia en Celanova xunto a María Rodríguez, representante de ADUR e organizadora.

Na charla, realizada nunha sala do Auditorio, quedou en evidencia que un ano despois de declarada a crise da covid os centros de maiores galegos seguen presentando numerosas deficiencias na atención e nos recursos.

Onte pola tarde tivemos o pracer de contar os terribles efectos da pandemia en Galicia a través dos ollos expertos de Sonia Jalda, representante da asociacion de traballadoras de residencias TREGA, e de Paco Vizoso, un dos portavoces do colectivo de pensionistas MODEPEN. Puxemos en contexto o que aconteceu en Celanova, nunha das primeiras residencias en sufrir o brote e mortes (até 11 persoas faleceron na San Carlos e esta charla era parte da homenaxe que familiares lle renden este mes, cada día 11). María Rodríguez, que fai parte do colectivo de familiares reunidas en ADUR, explicou como a Residencia San Carlos foi abandandada a súa sorte durante a pandemia, e como a día de hoxe as condicións laborais, asistenciais e de saúde dos residentes seguen a ser precarias.

Precisamente de precariedade, no ámbito laboral, falou Sonia Jalda, quen explicou como a pandemia veu poñer en evidencia uns problemas (baixos salarios, carencias na formación, estrés…) que xa se daban antes da crise da covid, e que no que a responsabilidade se reparte entre a estrutura empresarial dun servizo altamente privatizado enfocado o lucro e a Xunta de Galicia que noncumpre o seu papel fiscalizador e regulador do que pasa nos centros

Desa estrutura empresarial enfocada o lucro falou amplamente Paco Vizoso, quen explicou por exemplo que as empresas obteñen beneficio recortando nas tres principais partidas de gasto: persoal, comida e limpeza. Vizoso explicou as debilidades deste privatizado sistema de benestar, con datos que colocan a España nos peores lugares do ránking internacional de coidados.

Tamén ofreceu datos precisos sobre o estado dos coidados na comarca da Terra de Celanova, con carencias en canto a prazas de residencias e prazas en centros de día, tomando como referencia estándares dos países punteiros. Os tres conferenciantes coincidiron na necesidade de camiñar cara un SISTEMA PÚBLICO DE BENESTAR GALEGO, que mellore AS CONDICIÓNS LABORAIS DAS TRABALLADORAS e as prestacións de COIDADOS AOS MAIORES, no que é imprescindible a IMPLICACIÓN DE FAMILIA, TRABALLADORAS E A VECIÑANZA na xestión pública de cada centro en base a estándares das mellores prácticas internacionais.

Os problemas agraváronse co impacto da covid, e alén das mortes (unhas 800 en todo o país segundo o SERGAS) o estado xeral de saúde das usuarias e usuarios empeorou, valoraron tanto Rodríguez como Jalda, que tamén fixo fincapé na situación de precariedade laboral, carencias na formación, estrés e problemas de saúde que atravesan as traballadoras das residencias.

Familiares e traballadoras pediron unha intervención pública nas residencias para dotar a atención de medios adecuados e persoal suficiente. Tamén reclamaron unha lexislación renovada e clara sobre a xestión dos centro e as familias pediron participar desa xestión.

Pola súa banda, Francisco Vizoso puxo o foco nos problemas derivados dun sistema de benestar en mans privadas e avogou por unha xestión cento por cento pública das residencias de maiores e centros de día no camiño dun sistema público de coidados en Galicia. O representante de Modepen anunciou que se está a crear unha plataforma social galega ao redor desta demanda.

María Rodríguez, que desde marzo do ano pasado coordinou a demanda de axuda de familiares de usuarias da San Carlos integrada nas asociacións de galegas de familias, lembrou que no centro de maiores de Celanova o servizo de enfermaría segue sen cubrir as 24 horas de cada xornada e a dotación de atención especializada segue estando por baixo do que marca a lei. No centro que alberga 60 residentes, segundo a información da que dispoñen as familias, máis da metade son dependentes, aínda que polo que se atopou a última inspección non todos están declarados como tais.

Familiares de residentes agrupadas en ADUR e na Federación Vellez e Dignidade organizaron este sábado unha conferencia en Celanova, na véspera da homenaxe que cada mes, o día 11, lle renden ás vítimas da covid na Residencia San Carlos de Celanova, que provocou 11 mortes entre as usuarias (9 delas oficialmente a causa do virus).

Onte domingo, a homenaxe consistiu en depositar un ramo de flores xunto á fonte da Praza Maior da vila na que se realizaron as anteriores convocatorias desde agosto pasado. Coa conferencia deste sábado e a homenaxe de hoxe, un ano despois de declararse o brote, as familiares dan por rematado este ciclo de accións.