O BNG de Amoeiro reclámalle ao Goberno Local o arranxo urxente do depósito de auga de Trasalba

Segundo denuncian desde o BNG, estamos diante dun problema continuado no tempo e que esixe unha solución definitiva para deixar de dilapidar recursos públicos

O BNG de Amoeiro ven de denunciar que o depósito de auga de Trasalba desperdiciou inxentes cantidades durante moitas horas, desde o día 7 ao día 8 do presente mes de abril, rebordando auga cara os camiños colindantes, o que afonda tamén no seu deterioro.

AVANTAR ACTIVIDADES

O motivo non é outro que o feito de que o caudal de bombeo é duns 30.000 litros/hora, polo que o gasto, tanto de electricidade, polo funcionamento indebido do sistema de bombeo, así como o derroche de auga do río Miño que chega polo sistema de bombeo reseñado, parece, segundo o BNG, absolutamente fóra de lugar.

Para os nacionalistas, estamos diante dunha situación que se repite con moita frecuencia, sen que por parte do Concello de Amoeiro se adopten medidas que resolvan a problemática existente.

Desde o BNG, concretamente o seu portavoz Eduardo González, pídelle ao Goberno Local “que se proceda o máis axiña posible a reparación desta continxencia, coa colocación dos mecanismos precisos no depósito de auga de Trasalba, para que cando a auga chegue ao nivel que se considere, o bombeo deixe de funcionar e esa situación anormal deixe de producirse”.

Segundo o portavoz nacionalista, “desta maneira deixaremos de dilapidar diñeiro público, xa que o sistema de bombeo traballa continuamente”, para engadir, “coa referida reparación conseguirase finalmente un aforro considerable de consumo eléctrico para as arcas municipais”.