Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa mañá, mércores 21 de abril ás 20.00 h, a través do seu portal dixital Afundación TV co seu proxecto cultural dirixido a dinamizar a actividade das artes escénicas. De maneira gratuíta e en aberto, cada semana, Afundación TV veu emitindo a representación teatral dunha obra senlleira das artes escénicas clásicas e contemporáneas con montaxe da compañía Secuencia 3. Mañá, ás 20.00 h, emitirase Última edición.
Última edición
Baixo a dirección de Gabriel Olivares, e con guión de Eduardo Galán e Gabriel Olivares, Secuencia 3 conta para esta representación cun elenco conformado por Natalia Dicenta, Patxi Freitez, Ana Ruiz e Javier Martín. Última edición presenta a vida nun xornal en apuros económicos. A loita dos seus redactores pola supervivencia e a noticia en toda clase de situacións, disparatadas e humorísticas: rivalidades, corrupción e sexo, asasinatos, paixóns ou traizóns dos poderes públicos. Unha comedia atrevida, mordaz, provocadora, moi entretida e actual. Ante a crise de lectores e o enorme descenso de venda de xornais, acábase de practicar un ERE na redacción de El Universal. Porén, é contratada Minerva, unha moza e brillante redactora, pola que aposta o consello de administración do xornal para que colabore a modernizar a edición dixital e a contribuír coa súa formación ao relanzamento do xornal. Minerva é recibida con receo por parte de Tatiana Paluzzo, a directora do xornal desde hai 25 anos, e por Fuentes, vello amigo de Tatiana e redactor xefe do diario. Nestas circunstancias xorde unha noticia que pode dar lugar a unha investigación xornalística que poñería o diario no foco da noticia. O final, case en forma de xogo de pícaros, acaba sorprendendo a todos.
Con esta iniciativa, Afundación veu buscando dinamizar as artes escénicas nunha conxuntura de limitación de capacidades de espazos. Ademais, mediante a colaboración con Secuencia 3, a compañía implicada na montaxe de cada unha destas pezas, visibilízase o traballo intenso e necesario de todas persoas profesionais da cultura involucradas na realización dunha obra de teatro. Deste xeito, Afundación veu reforzando as súas propostas de ámbito cultural, un dos seus eixes estratéxicos, consolidando tamén o papel de Afundación TV como canle de difusión das súas actividades.