Baltar anima á mocidade de Novas Xeracións “a construír a organización política xuvenil máis forte da provincia”

O presidente provincial do PP recoñeceu o compromiso e a dedicación de José Antonio Parente durante os cinco anos que estivo á fronte da organización, na que agora toma o relevo Ignacio Campo para ofrecer “unha organización aberta á mocidade de Ourense, á rural e á urbana, que pode contribuír a mellorar a súa provincia”.

O presidente provincial do Partido Popular, Manuel Baltar, animou á mocidade de Novas Xeracións “a construír a organización política xuvenil máis forte da provincia de Ourense”, subliñando o papel que están chamados a xogar na formación popular “como piar fundamental no continuo proceso de renovación do partido, no que apostamos por harmonizar a experiencia cos máis novos”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar pronunciou estas palabras durante a primeira reunión que, por vía telemática, celebrou a xestora provincial de Novas Xeracións, constituída para dar o relevo a José Antonio Parente, que presidiu a organización xuvenil durante os últimos cinco anos. “Un exemplo de compromiso e dedicación para o que só podemos ter palabras de agradecemento”, dixo o presidente provincial en recoñecemento ao labor de Parente.

“Aínda que con todas as reservas, comezamos a ver que nos achegamos á normalidade que coñecíamos –afirmou- e iso supón imprimir máis velocidade á constante actividade política que sempre caracterizou ao PP ourensán, e aí tamén teñen que estar as novas xeracións”.

Na súa despedida, José Antonio Parente agradeceu o apoio que en todo momento tivo da dirección popular, citando expresamente ao presidente provincial “pola confianza que sempre demostrou no noso traballo e por loitar para que a mocidade da provincia tivera voz”.

Pola súa banda, o presidente da xestora, Ignacio Campo, presentou o proxecto de Novas Xeracións para esta etapa que principia, “na que seguiremos a traballar para ofrecer unha organización aberta á mocidade de Ourense, á rural e á urbana, que pode axudar e contribuír a mellorar a súa provincia”. Ademais de Campo, concelleiro en Maside, o equipo da xestora está integrado por Manuel Alexandre Novoa; o presidente da organización na cidade, Alberto Fraguas; Andrea Lama; Naiara Mato; Adrián Fariñas e Miguel Cid.