O PSOE acusa ó PP de non querer retirar a simboloxía franquista e antidemocrática

O goberno provincial do PP de Manuel Baltar e a deputada tránsfuga, Montse Lama, veñen de impedir a retirada de simboloxía franquista e antidemocrática e homenaxear ás vítimas do golpe de estado, a guerra civil, a ditadura e o nazismo en Ourense. Os socialistas tamén reclamaban que a Deputación deixe de conceder subvencións a concellos, asociacións ou entidades que manteñan simboloxía franquista ou fascista, incumprindo a lexislación sobre memoria histórica e democrática, pero tamén votaron en contra.

O voceiro, Rafa Villarino, asegurou que as peticións dos socialistas son “asumibles” e proclamou a “necesaria unión de todos os grupos políticos”, porque “é un ben para todos e todas para evitar que se volva repetir e, sobre todo, para honrar ás persoas que padeceron estes terribles feitos”. “A Deputación debe dar máis pasos neste sentido porque estamos a falar da dignidade de moitos veciños e veciñas”, reclamou.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Pídolles que non retrocedan e non volvan atrás”, proclamou o deputado recordando que o PP xa votou a favor dunha iniciativa similar –non conceder axudas a quen exalte o fascismo– no ano 2017. Mais o acordado anteriormente polo pleno non serviu para evitar o veto dos conservadores e a tránsfuga. O voceiro do PSdeG-PSOE reclamou novamente “restaurar a dignidade do pobo”, aprobando a iniciativa para “reparar a honra das vítimas”, pero tamén porque “é obriga dos demócratas cumprir a lei e o que pedimos está no BOE”.

Villarino resaltou “as escusas sobre a legalidade” dos preceptos recollidos na lei esgrimidas polos grupos que non queren honrar ás vítimas. “O que pedimos é que se respecte ás vítimas e se asuma a realidade do que pasou aquí”, insistiu porque “nin é eficaz nin é totalitario pedir que se cumpra a legalidade”.

A moción tamén reclamaba que a Deputación se sume ao proxecto ‘Adoquines para o recordo’ da Fundación Stolpersteine, co fin de instalar placas identificativas no chan en memoria dos veciños e veciñas da provincia –case medio cento segundo documentou o investigador Eladio Anxo Fernández– deportados a campos de concentración e exterminio nazis..

Igualmente pedía instar á Xunta á aprobación dunha Lei de Memoria Democrática de Galicia, porque “é indispensable contar cun abano normativo propio” para afondar neste “deber legal e moral”. Andalucía, Aragón, Catalunya, Castilla y León ou Euskadi xa contan con lexislación propia que permite adaptar ás súas peculiaridades o marco global aprobado polas Cortes Xerais ou os acordos internacionais suscritos por España.

Unanimidade contra a soidade non desexada

Os socialistas tamén promoveron a aprobación dun plan integral e multidisciplinar contra a soidade non desexada. Na iniciativa reclámase unha diagnose deste problema e, de xeito prioritario e en función dos resultados, a aprobación dun plan galego para actuar ante este fenómeno que afecta fundamentalmente a persoas maiores. A proposta foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos políticos da corporación e da tránsfuga non adscrita.

A deputada, Marga Pérez, explicou que “estamos ante realidades silenciadas” que “a pandemia da Covid-19 amosou e agudizou”, polo que reclamou “actuacións coordinadas” de todas as administracións públicas. “Desde todas as institucións debemos amosar unha maior concienciación ante este problema” e “aínda que non sexa da nosa competencia directa, é moi necesario termos este debate para a súa visibilización”, matizou. “É moi relevante porque estamos a falar de persoas e non de cousas intanxibles”, salientou.

A representante socialista recordou que, hai máis dun ano, que a Xunta anunciou un plan de actuación destinado ás persoas en situación de soidade non desexada sen que, polo de agora, o goberno galego fixese nada. “A situación está a agravarse e, polo de agora, seguen a ser persoas abandonadas”, así que “nin podemos nin debemos agardar máis”. “A soidade é un dos maiores riscos de deterioro da saúde na actualidade”, recordou antes de concluír aseverando que “desexamos que se dote, canto antes, por parte da Xunta, dun orzamento dabondo para solucións viables”.

No caso de Ourense, o IGE cifra nuns 17.000 veciños e veciñas de máis de 65 anos os afectados e afectadas por este fenómeno, o que representa, aproximadamente, o 5,5 % dos habitantes da provincia. Tamén destapa que máis do 13 % dos fogares están conformados por persoas maiores soas.