A Xunta somete a información pública os proxectos dos itinerarios peonís e ciclistas das estradas autonómicas ou-105, ou-536 e da avenida de Ponferrada, no concello de Ourense

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • As actuacións, cun investimento da Xunta de máis de 1,8 M€ e cun prazo de execución de seis meses, fan necesaria a expropiación de 45 fincas
  • Executaranse sendas compartidas de ancho variable pola marxe esquerda na estrada OU-536 na Rabaza e na avenida de Ponferrada, e pola marxe dereita no caso da OU-105 na Ponte Sevilla
  • Os novos itinerarios enmárcase no Plan de Sendas da comarca de Ourense e permiten actuar en tramos das estradas que carecen na actualidade dun espazo axeitado para o tránsito de peóns, incrementando a seguridade

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informou esta mañá do inicio do proceso polo que se somete a información pública o proxecto dos itinerarios peonís e ciclistas que a Xunta ten previsto executar nas estradas autonómicas OU-105, OU-536 e na avenida de Ponferrada, no concello de Ourense, e que suporán un investimento autonómico de máis de 1,8 millóns de euros.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Estas actuacións, que terán un prazo de execución de seis meses unha vez iniciadas as obras, necesitarán da expropiación de 45 fincas para executar o proxecto, que suporán un importe de preto de 183.000 euros.

A intervención ten por obxectivo actuar en zonas destas estradas autonómicas que carecen na actualizade dun espazo seguro para o tránsito de peóns, polo que a execución destes itinerarios suporá unha mellora importante da seguridade viaria aos veciños do concello de Ourense.

Segundo o proxecto redactado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, executarase un itinerario peonil e ciclista de algo máis de 800 metros na estrada autonómica OU-105, no treito da Ponte Sevilla, entre os puntos quilométricos 0+030 (fronte ao concesionario localizado xunto á glorieta) e 0+845 (no que se sitúa a parada de bus xunto ao acceso ao tanatorio). Tamén se executará unha senda de 1,5 km na estrada OU-536, na Rabaza, entre os puntos quilométricos 0+960 (tras o paso de peóns no cruce co Camiño de Souto Sanín) ata o punto quilométrico 2+400;, e outras senda na avenida de Ponferrada, desde o nº 249 da avenida Buenos Aires ata a glorieta existente no punto quilométrico 1+950 da OU-536.

As persoas interesadas en facer achegas a este proxecto dispoñen dun período de 30 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, para formular as súas propostas.

O proxecto

Nestas tres estradas executaranse sendas compartidas de ancho variable, cun mínimo de 1,80 metros: pola marxe esquerda, no caso da estrada OU-536 e na avenida de Ponferrada; e pola marxe dereita na OU-105.   Estes itinerarios estarán separados da estrada por diferentes elementos, segundo o tipo de sección adoptada en función das necesidades. Os elementos de separación poden ser unha cuneta revestida de ancho 1,20 metros e con perfil de seguridade; unha parte de vexetación de ancho 0,50  metros; un bordo de prefabricado de 22×15; ou a combinación dos tres elementos anteriores.

Estas novas sendas enmárcanse no Plan de Sendas da comarca de Ourense, e contan coa cofinanciación dos fondos europeos FEDER.

Plan de Sendas

O Plan de Sendas de Galicia, que a Xunta vén desenvolvendo en distintas comarcas galegas, parte dunha análise global do territorio, priorizando actuacións que atenden a criterios técnicos obxectivos e factores como a situación dos núcleos de poboación, servizos ou equipamentos; o tráfico e a sinistralidade que rexistra cada treito da estrada; a orografía e as pendentes do terreo; o clima; a facilidade de implantación ou a posibilidade de conectar con percorridos xa existentes.

Os obxectivos prioritarios desta iniciativa da Xunta, de construción de itinerarios peonís e ciclistas sostibles, seguros e integrados na paisaxe, son os de protexer e incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, debido a que son os usuarios máis vulnerables das estradas e promover unha mobilidade máis sostible, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------