Valoración dos ” Maios ” en Ourense

Xa pasaron uns días desde a que foi a 2ª celebración da festa dos Maios á que renunciaba o Concello de Ourense e podemos facer unha breve análise sobre o acontecido.

Publicidade

Alén de valoracións sobre a cancelación por parte do goberno municipal dumha das 2 festas de interese turístico e umha das datas máis importantes do ciclo festivo ourensán -que seguen sendo as mesmas que nos levaron a facer un novo chamamento neste 2021– podemos dicir que a participación foi moi importante, centrándose este ano no ámbito local, con intervencións puntuais fóra do termo municipal.

Neste senso, recolléronse 57 participacións, contabilizándose 31 coplas e 42 intervencións sobre o Maio que -á súa vez- incluían máis maios, como no caso da Rúa López Ferreiro (que elaborou 2 maios) ou o CEIP Padre Feijoo de Allariz (que achegou imaxes de varias ducias de construccións de diversas formas e tamaños). Tamén cómpre salientar as 6 iniciativas plásticas sobre o maio ou a incursión en novos ámbitos, como foi a participación da canle gastronómica “Con cuatro manos” aportándonos unha resposta á pregunta “A que sabe o Maio?”.

Por outra parte, é preciso amosar satisfacción pola iniciativa “Como soa o Maio?” na que participaron diversas músicas e músicos do concello de Ourense realizando intervencións sobre a melodía das coplas dos nosos maios.

Aínda que detectamos un menor número de intervencións ca o ano pasado (por ser esta unha edición máis local ou por non estarmos confinados e -polo tanto- podérmonos xuntar en grupos), incrementouse notablemente o número de persoas que se poden contabilizar nos videos e imaxes compartidas co cancelo #CantádemeUnMaio (cantando coplas ou participando na elaboración dun Maio) que alcanzan nesta ocasión as 623 persoas.

O seguimento na rede tampouco foi menor. A día 7 de maio, recollemos 34.985 impactos na rede social facebook, 61.932 en twitter e 1.548 persoas que navegaron polo blog da campaña realizando un total de 4.673 clics.

Por último, salientar tamén a saída á rúa de varios Maios, contabilizando na nosa cidade até 11 Maios: A. X. Amencer, Marcha Mundial das Mulleres, ANPA Pía da Casca-As Mercedes, ANPA Paniagua-Curros Enríquez, Maio na praza, Maio da Resistencia, A Bela Auria, Rúa de Cenlle e os 2 da Rúa López Ferreiro ou a xente de Porque me peta, que realizou umha intervención aobre as árbores da praza Manuel Sueiro. Así as cousas, pódese constatar que o Maio está moi vivo, aínda que tamén sofre o estado de emerxencia cultural que vive a nosa cidade. A resposta cidadá a estas iniciativas sen recursos, sen medios nin persoal só fai confirmar a necesidade urxente dunha política cultural na antiga Atenas de Galicia, que pare o desleixo que está a sufrir a cidadanía no recorte continuado dos seus dereitos culturais.