A Xunta de Goberno, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 3 de maio de 2021, adoptou o seguinte acordo:
Aprobar as bases e convocar a XL edición do Premio de novela Eduardo Blanco-Amor, convocado pola Deputación de Ourense e a Fundación Blanco-Amor, consonte coas seguintes cláusulas:
1ª Poderán participar no premio as persoas de calquera nacionalidade con novelas escritas en lingua galega e na normativa vixente.
2ª.- As obras deberán ser inéditas, non premiadas en ningún outro certame, nin publicadas ou rexistradas, total ou parcialmente. A Deputación de Ourense e a Fundación Blanco-Amor non se farán responsables das posibles denuncias de plaxio, que deberán dilucidar os afectados. Os participantes terán a obriga de comunicarlle á organización a concesión doutros galardóns que obteña a obra presentada. No momento no que esta situación se produza, procederase á súa exclusión.
3ª.- As obras, acompañadas dun sobre pechado coa correspondente plica, serán enviadas por correo postal a: XL Premio de novela Eduardo Blanco-Amor Deputación de Ourense Rúa do progreso, 32 32003 Ourense
No interior irán: 1- A obra baixo lema, en dous formatos: un exemplar en papel e outro nun dispositivo de memoria USB, cun único arquivo de formato pdf.
2- Un sobre pechado no que figurará o lema da obra presentada, e no seu interior: a) Nome e apelidos (se é o caso, o literario) e unha fotocopia do DNI. b) Datos de contacto: número de teléfono, correo electrónico e correo postal. c) Título definitivo da obra.
4ª.- O prazo para presentar orixinais ao XL Premio de novela Eduardo Blanco-Amor remata o 14 de setembro de 2021, data do 121º aniversario do nacemento do ilustre escritor ourensán.
5ª.- Outorgarase un único premio indivisible, dotado con 15.000,00 €, coas correspondentes deducións fiscais, e unha peza escultórica conmemorativa. O certame pode ser declarado deserto, se así o estima o xurado, por non acadar as novelas presentadas abonda calidade literaria.
6ª.- A concesión deste premio obriga á publicación da novela por parte dunha editorial que libremente escolla a persoa gañadora. O prazo máximo establecido para a publicación desta será de tres meses, posteriores ao acto de entrega do premio. No caso de non formalizarse a edición, o gañador ou gañadora deberá devolver a contía do premio.
7ª.- A Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo BlancoAmor nomearán, de común acordo, unha comisión lectora, que levará a cabo unha puntuación dos orixinais presentados, composta por tres persoas de acreditada experiencia no ámbito literario, que lle presentarán ao xurado a súa puntuación.
8ª.- O xurado será nomeado pola Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco-Amor, e estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega. Facúltase ao xurado para a interpretación e resolución das posibles dúbidas destas bases no relativo á concesión do premio
9ª.- O xurado reunirase, para levar a cabo a súa deliberación, na segunda quincena de novembro do 2021, no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense. O seu ditame será inapelable e constará na correspondente acta asinada por todos os integrantes. A entrega do premio terá lugar no transcurso dun acto literario organizado pola Fundación Eduardo BlancoAmor, o mércores, día 1 de decembro de 2021, 42º cabodano do falecemento do autor de A Esmorga
10ª.- O feito de concorrer a este certame presupón a aceptación das actuais bases. Contra este acordo pódese interpor, potestativamente, un recurso de reposición ante a Xunta de Goberno desta Deputación, no prazo de 1 mes, como trámite previo ao contencioso-administrativo, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado Provincial do ContenciosoAdministrativo, no prazo de 2 meses, sen que se poidan compaxinar ambos os recursos. Os prazos indicados computaranse a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no BOP
BOP ( Premer na Imaxe ):
