Recentemente, a veciñanza do noso concello ven de padecer, sen previo aviso, a modificación de liñas de autobús que percorren o noso concello e veñen de pasar ao sistema “baixo demanda”. É dicir, se ninguén reserva antes das 19 horas do anterior día laborable o autobús non circula. Segundo sinala a propia Xunta, aínda que circule tampouco se poderá subir se non se reservou: “Se ninguén fixo unha reserva para a súa parada o autobús non pasará por ela, polo que non poderá subir”.
PDF co Plan de transporte publico ( Premer na Imaxe )
Este sistema dificulta o uso do transporte público a quen máis o necesita: as persoas maiores e con menos recursos que non dispoñen de vehículo propio e que tamén son as que menos manexo fan das telecomunicacións, sen as cales non se pode utilizar o bus baixo demanda.
Os usuarios habituais descoñecían implantación do sistema baixo demanda, xa que non se publicitou. Cabe engadir o cambio de vehículos en liñas afectadas polo bus baixo demanda, pasándose dun autobús a un monovolume.
O bus baixo demanda prexudica sobre todo ás pequenas localidades, polo que agrava a perda de calidade dos servizos públicos no rural e a súa despoboación fronte aos centros urbanos.
Este é un paso máis no desmantelamento do transporte público e as persoas usuarias do bus estanse a organizar no noso concello para demandar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que repoña os anteriores servizos de bus. Dende o BNG apoiamos a súa reivindicación e levaremos a pleno no mes de xuño unha moción para que o Concello de Ribadavia esixa á Consellería que se repoña a anterior periodicidade dos servizos de bus no noso concello, eliminando o sistema de bus baixo demanda.
Así mesmo que se vixíe que non se está prestando o servizo de bus en sistema baixo demanda en liñas e en paradas polas que o bus ten que seguir circulando regulamente, xa que a documentación feita pública na web da Xunta non cualifica como “transporte baixo demanda” rutas de autobús nas que xa se está a aplicar este sistema.