O PSOE pide á Xunta máis horas do Servizo de Axuda no Fogar para Punxín

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, presentou hoxe en Comisión parlamentaria unha proposta para reclamarlle á Xunta que incremente as horas do Servizo de Axuda ao Fogar asignadas ao concello de Punxín. A responsable socialista urxiu ao goberno galego a facer efectiva esta medida indispensable para evitar as listas de agarda na veciñanza en situación de dependencia, que o PP rexeitou.

A responsable socialista advirte que malia os anuncios feitos polo goberno galego, o certo é que a día de hoxe “o Concello de Punxín non dispón dunha bolsa de horas suficiente para cubrir a prestación do Servizo de Axuda no Fogar que a veciñanza ten recoñecido no Programa Individual de Atención”. Advertiu de que as horas das que dispón o Concello son insuficientes para un servizo digno, e mesmo están por debaixo das 76 recoñecidas en novembro de 2019, antes da pandemia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ortega sinala que o goberno galego “di que vai facer, pero sen feitos”, e sinalou que “de palabras non come a xente”, mentres a Xunta deixa aos concellos abandonados mentres seguen sen actualizar as cotas do Servizo de Axuda ao Fogar. Estas levan anos conxeladas, malia que aumentaron o seu custe, nun “exemplo gráfico do eu invito e ti pagas” por parte do goberno galego.

A parlamentaria socialista lembrou que foi o goberno de Rajoy o que “dilapidou a Lei de Dependencia” a raíz do Real Decreto aprobado en 2012, ata que “tivo que vir o goberno de Pedro Sánchez e recuperar as axudas, entregando a Galicia 45 millóns de euros para a Dependencia”. Advertiu de que resulta “difícil rearmar a torre do Estado do Benestar que vostedes destruíron dunha patada”.

Mentres, o goberno galego ten á Lei de Demografía “collendo polvo mentres continúan pechando escolas no rural, desmantelando a rede de sanidade pública do rural galego, e rexeitando ampliar o Servizo de Axuda ao Fogar para os concellos galegos”. Advertiu de que estas políticas de desleixo “teñen consecuencias para unha xuventude que ten que coller as maletas e marchar”.

Advertiu de que a crise económica e social da covid – 19 fai “máis necesario que nunca poñer todos os recursos precisos ao servizo da cidadanía”, entre os que conta o SAF como un “piar dentro do modelo de coidados”. Esta axuda “da un apoio complementario ás persoas que teñen algún tipo de discapacidade ou dependencia para o desenvolvemento das actividades básicas da vida diaria”.