O grupo socialista leva ao Parlamento o nomeamento do novo xerente de Expourense

Juan Carlos Francisco Rivera, Marina Ortega Otero, Carmen Rodríguez Dacosta e Matilde Begoña Rodríguez Rumbo, deputadas e deputado pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Comisión 3.ª, Economía, Facenda e Orzamentos.

Publicidade

En abril de 2019 xubilábase da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, o director xerente D. Alejandro Rubín, sendo substituído de xeito interino pola directora – adxunta, Sra. Enma González.

A saída desta última cara o Inorde, provoca que dende o Padroado da Fundación, presidido pola vicepresidente segundo da Xunta de Galicia e actual Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, se teña que propoñer unha nova persoa para dirixir este Salón de Feiras co obxectivo de promover as actividades, industriais, comerciais, técnicas agrícolas, gandeiras, gastronómicas e culturais de Ourense, tanto no ámbito internacional, nacional, autonómico, provincial ou local.

Neste senso, dende distintos medios de comunicación se vén avanzando que a persoa elixida pola Xunta de Galicia– para ocupar a xerencia de Expourense é o Sr. Rogelio Martinez, ex – alcalde de Arnoya, ex- vicepresidente da Deputación e ex- delegado do Goberno galego en Ourense, persoa que dende o ano 1979 vén ocupando cargos públicos e que nos últimos 20 anos se veu involucrado en coñecidos escándalos vinculados a xestión de fondos europeos para instalar depuradoras nos concellos de Ourense; licitacións manipuladas para beneficiar a adxudicatarias vinculadas a familia do Sr. Martínez que motivou que a AET esixise a devolución de 10 millóns de euros, e que unicamente por virtude da prescrición se impediu a devolución das axudas europeas.

Dende o PSdeG-PSOE consideramos que, caso de confirmarse, o nomeamento do Sr. Martínez é un auténtico despropósito, que única e exclusivamente obedecen a pagos de débedas políticas do Sr. Feijoo con quen liderou un intento de derrocar o Baltarismo no ano 2010.

Un nomeamento que nada ten que ver cos méritos, coñecementos ou experiencia que, dun xeito razoable, serían esixibles para ocupar un posto de esta natureza.

Polo exposto, o deputado e as deputadas que asinan formulan a seguinte pregunta para o seu debate en Comisión:

Cales son os criterios empregados pola Xunta de Galicia para designar o novo/a director/a xerente do recinto de Expourense, entidade que ten como obxectivo desenvolver e promover economicamente a provincia de Ourense a través dun calendario de feiras de ámbito local, provincial, nacional e internacional