Emilio González e Rubén Quintas copresiden a primeira reunión da Xunta Local de Seguridade de Maceda

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e a alcalde de Maceda, Rubén Quintas, asistiron esta mañá á constitución da Xunta Local de Seguridade do municipio e á posterior reunión da mesma. Con esta primeira convocatoria quedou establecido este órgano colexiado coa finalidade de facilitar a coordinación e cooperación eficaz entre as distintas administracións públicas en materia de seguridade no ámbito territorial do concello de Maceda.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Entre as funcións da Xunta Local de Seguridade figuran as de analizar e valorar a situación de seguridade cidadá, así como elaborar o Plan Local de Seguridade e acordar os plan específicos de colaboración e coordinación a desenvolver no municipio con motivo da celebración de eventos ou situacións que aconsellen a adopción de dispositivos especiais.

Para o subdelegado do Goberno a constitución desta Xunta Local de Seguridade pon de manifesto “que se están sumando esforzos para contribuír na seguridade cidadá” e agradeceu ao alcalde, Rubén Quintas, “a súa disposición para constituír este órgano en Maceda”.

Emilio González sinalou que os datos relativos á seguridade cidadá indican que o índice de criminalidade do Concello de Maceda é un dos máis baixos da provincia de Ourense. O subdelegado do Goberno destacou que no primeiro semestre de 2021 se observou un descenso do número de infraccións con respecto ao mesmo período do ano anterior.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno salientou o traballo da Garda Civil e da Policía Local, aos que agradeceu os seus esforzos para asegurar o cumprimento das medidas sanitarias, ademais de garantir a seguridade cidadá.

INCORPORACIÓN AO SISTEMA VIOGÉN

Durante esta primeira reunión, o Concello de Maceda e a Subdelegación do Goberno en Ourense ratificaron a incorporación da Policía Local ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén).

A Xunta Local de Seguridade aprobou a adhesión ao Protocolo FEMP para a protección de vítimas de violencia doméstica e de xénero e a adhesión ao Protocolo de Coordinación e Colaboración que posteriormente será asinado polo Concello co Ministerio do Interior para regular a presenza da Policía Local no sistema VioGén, facendo efectiva desta maneira a participación de Maceda neste operativo.

Emilio González destacou “a lealdade institucional, receptividade e colaboración do Concello e do seu alcalde nesta loita, o que permite incrementar tanto a coordinación como a propia loita contra a violencia machista a nivel local”.

Con esta nova adhesión a provincia de Ourense contará con oito concellos incorporados ao sistema VioGén: Barbadás, Celanova, Maceda, Ourense, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Verín e Xinzo de Limia. Este sistema permite que a Policía Local dispoña de maior información sobre todos os casos activos de violencia machista existentes no municipio, asumindo o seguimento e control dalgúns destes casos.

No tocante ao concello de Maceda, a Policía Local asumirá o control e seguimento dos casos considerados de nivel de risco baixo ou de risco non apreciado, mentres que a Garda Civil se encarga do seguimento do resto de casos. O número de casos activos asignados á Policía Local será, como máximo, de dous.

En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense, indican que na actualidade neste concello hai activos no sistema VioGén cinco casos, dos cales un presenta risco baixo e catro presentan risco non apreciado. Un dos casos conta con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e dous con medidas de prohibición de aproximación e comunicación

PLAN DIRECTOR

Acerca do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas destacouse a boa acollida que presenta este programa entre os centros escolares de Maceda.

Durante o curso 2021-2022 reforzaranse os mecanismos de comunicación e colaboración coa comunidade educativa por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado co fin de ofrecer diferentes conferencias e actividades sobre o uso das novas tecnoloxías; acoso escolar; consumo de drogas e alcol; condutas  incívicas, violentas e vandálicas; racismo, xenofobia e intolerancia; e violencia de xénero, entre outras temáticas.

Así mesmo, continuarase cos dispositivos de vixilancia nas inmediacións dos centros educativos para previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.