O PSOE reclama axudas directas e un plan de recuperación para os viñedos do Ribeiro afectados polas tormentas

 A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez, vén de reclamarlle á Xunta axudas directas urxentes e un plan de recuperación para os viñedos do Ribeiro afectados polas tormentas de comezos de setembro. Rodríguez presentou unha pregunta oral en Comisión para reclamar unha actuación da Xunta diante dos graves danos no Val do Avia e na DO, onde “algunhas adegas poden perder máis do 80 por cento da produción”.

A responsable socialista reclamoulle á Xunta que actúe con urxencia para axilizar a cuantificación dos danos e o pagamento das correspondentes axudas económicas ao sector vitivinícola afectado, sinaladamente en Gomariz en Leiro, Cabanelas en O Carballiño, Pazos de Arenteiro en Boborás e Riobó en Cenlle.

AVANTAR ACTIVIDADES

Advirte de que, ademais das perdas por danos, “as bodegas se enfrontan a outro problema a escasos días da vendima: a alta actividade fúnxica que xera a humidade nos viñedos”. Tal e como explican persoas viticultoras, a saraiba danou as uvas, que podrecen e non se poden vendimar, así como como plantas, ás que se lles deberán aplicar tratamentos para evitar infeccións por fungos.

Lembra tamén que o sindicato Unións Agrarias xa ten constancia de numerosas parcelas con vides danadas nas zonas de Pazos de Arenteiro, Boborás, Gomariz, Riobóo ou Viladerrei. “Estes danos chegan nunha época especialmente sensible e complicada, coa uva xa madura e ás portas do inicio da vendima”, sinala a deputada socialista.

A parlamentaria socialista defendeu hoxe a viticultura tradicional, que resulta un “motor socioeconómico indispensable para o rural”, sinaladamente no Ribeiro, e reclamoulle ao goberno galego que garanta estabilidade e garantías aos produtores. Neste sentido, avogou polo fomento de contratos públicos con prezos claros previos á entrega da colleita e que permitan cubrir os custes de produción.

Así, reclamou vencellar as axudas ao cumprimento daqueles contratos, así como garantir o cumprimento da Lei, que obriga a pagar nun prazo de 30 días como máximo e, ademais, impulsar a mobilidade de terras para facilitar a incorporación de xente moza á actividade.