Abrirase ao público a partir de mañá, mércores 21 de xullo, na Sala de Exposicións do Edificio Santa Leonor

Publicidade

A exposición enmárcase no proxecto «Corrente cultural» que propicia a colaboración entre o Concello da Pobra de Trives, ABANCA e Afundación

O Concello da Pobra de Trives, ABANCA e Afundación presentan a exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX». A acto de apertura terá lugar mañá mércores 21 de xullo, ás 12.00 h, na Sala de Exposicións do Edificio Santa Leonor, e contará coa asistencia de Patricia Domínguez Barja, alcaldesa da Pobra de Trives; Cristina Paz Elías, concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade e Educación e Cultura; Rubén Saavedra Pedreira, director territorial de ABANCA en Ourense;  e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.

A exposición recolle unha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. Poderase visitar ata o vindeiro 30 de agosto, de luns a venres de 10 a 13.30 h e de 16 a 19 h, sábados de 10.30 a 14 h e de 16 a 19 h e os domingos de 10.30 a 14 h.

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

EventoInauguración da exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX»
LugarSala de exposicións do edificio Santa Leonor (Rúa Eumenio Ancochea, 15)
Data e horaMércores, 21 de xullo ás 12.00 h
  AsistentesPatricia Domínguez Barja, alcaldesa da Pobra de Trives Cristina Paz Elías, concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade e Educación e Cultura do Concello da Pobra de Trives Rubén Saavedra Pedreira, director territorial de ABANCA en Ourense Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo