Gabriel Alén salienta o éxito de participación nos campamentos de verán da Xunta

Na visita desta mañá ao albergue de Bande ‘Reserva da Biosfera Gerês – Xurés

  • O delegado territorial subliñou que durante o ano pasado Galicia foi das poucas Comunidades que mantivo a campaña de verán e logrou que se desenvolvera sen incidentes, xa que non se rexistrou ningún caso positivo
  • Baixo o lema “O verán que mereces”, a programación estival da Xunta ofrecerá desde xullo e ata setembro unha oferta de ocio seguro, que inclúe probas de antíxenos gratuítas para participantes e monitores, entre outras medidas de protección
  • Nestas instalacións os xoves teñen a oportunidade de participar en actividades e obradoiros de ciencia, expresión artística, ambientais e ecoloxía, xogos tradicionais, kaiak, sendeirismo, vivaque e xeocaching

.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, o albergue de Bande Reserva da Biosfera Gerês – Xurés, unhas instalacións emprazadas neste concello, que é a porta de entrada ao Parque Natural do Xurés e comunicación natural co Parque Nacional do Gerês, onde ámbolos dous integran a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês – Xurés, compartindo cultura, tradicións e historia.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial, que tamén ía acompañado da xefa territorial da Consellería de Política Social, María José Fernández, destacou a importancia de desenvolver este tipo de estadías nas que os participantes gozan dunha programación de lecer educativo e tempo libre de primeiro nivel e nas que ao mesmo tempo, crecen persoalmente e coñecen a mozas e mozos que residan na comunidade autónoma.

Gabriel Alén subliñou que durante o ano pasado Galicia foi das poucas Comunidades que mantivo a campaña de verán e logrou que se desenvolvera sen incidentes xa que non se rexistrou ningún caso positivo. “Isto levounos a incrementar a oferta de prazas durante este ano en máis de 1000, ata chegar a un total de 7.800 prazas” entre os campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado, resaltou.

Baixo o lema “O verán que mereces”, a programación estival deseñada pola Xunta de Galicia ofrecerá desde xullo e ata setembro unha oferta de ocio seguro, na que se manterán as medidas de protección aplicadas durante a pasada edición, como a redución do aforo, o incremento do número de monitores, o reforzo das medidas de desinfección e limpeza ou a adaptación das actividades ás normas hixiénico-sanitarias. Ademais, este ano incluiranse probas de antíxenos completamente gratuítas para todos os participantes e monitores antes do inicio de cada campamento.

O representante do Goberno galego puxo en valor a importancia que teñen este tipo de actividades, coas que se busca fomentar o lecer educativo saudable e seguro da mocidade galega durante a temporada estival e a súa vez amosarlles a cantidade programas que se poden desenvolver nas contornas naturais.

No campamento de Bande participan un total de 30 mozas e mozos de idades comprendidas entre os 09 e 12 anos. Durante unha semana desenvolverán actividades  e obradoiros de ciencia, expresión artística, ambientais e ecoloxía, xogos tradicionais, kaiak, sendeirismo, vivaque e xeocaching.

O albergue de Bande ‘Reserva da Biosfera Gerês – Xurés’ dispón de 68 prazas distribuídas en tres plantas nas que se atopan unha sala multiusos que serve de comedor e de local de actividades, unha zona de escenario teatral, cociña industrial, lavandería, zona de descanso, calefacción centralizada e acceso a internet en todo o edificio.