CONFAPA Galicia, ten mantido nos últimos días reunións de traballo coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e conversas co Secretario Xeral de Educación e Formación Profesional, Xosé Luis Mira, sobre a situación na que queda o alumnado afectado pola COVID, ben sexa enfermo ou por ter unha orde de sanidade de seguir corentena por contaxio propio ou por ser contacto estreito dalgún outro afectado pola pandemia. Como consecuencia de perder a convocatoria extraordinaria da ABAU, este colectivo de alumnos non pode continuar coa súa formación, vendo violentado o seu dereito á educación, un dereito fundamental. En relación co indicado queremos comunicar o seguinte:
1. Ao contrario do indicado en medios pola Comisión Interuniversitaria de Galicia e polo seu presidente Pedro Armas, é posible ofrecer alternativas aos alumnos afectados. Cantabria, Extremadura, Castela e León, ou Navarra, por citar algunhas comunidades, estableceron mecanismos alternativos para aqueles alumnos que, por mor da situación sanitaria, ven imposibilitado o seu acceso ás probas ordinarias ou extraordinarias. As comunidades indicadas teñen previsto formas de compensación para o alumnado corentenado, que lles permite ser examinados da ABAU na convocatoria correspondente sen perda dos seus dereitos.
2. Carece de xustificación o feito de que a Comisión Interuniversitaria de Galicia non teña garantido en tempo e forma o dereito do alumnado corentenado a ser examinado da proba da ABAU na convocatoria correspondente. A situación na que se atopa o colectivo de alumnos afectado é resultado da falta de dilixencia por parte dos membros da CIUG, ao non ter en conta circunstancias que si foron consideradas polas CCAA citadas. Dende CONFAPA Galicia reclamamos unha solución cando todavía estábamos en plazo para acadala, obtendo unha sonora negativa por parte da Comisión Interuniversitaria de Galicia. Consideramos esta negativa e a falta de dilixencia motivo suficiente para esixira dimisión ou o cese inmediato dos membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia, de xeito independente á definitiva resolución deste caso. A dimisión ou cese solicítase sen perxuizo das responsabilidades legáis que poidan derivarse da súa actuación.
3. Esiximos unha solución inmediata para o alumnado afectado, de xeito que se establezan os mecanismos precisos para garantir o acceso destes alumnos en igualdade de condicións que os seus compañeiros non afectados polas restriccións derivadas da COVID 19. Á vista da gravidade que supón a limitación de oportunidades na que se sitúa aos alumnos afectados, non cabe xustificación para a falta de medidas alternativas na premura ou imposibilidade de previsión. Na garantía do dereito á educación todas as administracións públicas están na obriga de dispoñer dos medios e recursos que permitan ao alumnado exercer o seu dereito en igualdade de condicións.
4. Unha mostra da desigualdade na que se sitúa a este colectivo de alumnos por parte da CIUG é o feito de que as prazas das universidades galegas ás que podería concursar o alumnado afectado poderán ser ocupadas por estudantes de fora de Galicia que nas mesmas condicións sanitarias que os alumnos galegos afectados contaron con alternativas facilitadas pola súa comunidade autónoma para presentarse ás probas da ABAU. A falta de dilixencia por parte da Comisión Interuniversitaria de Galicai deixa fora da universidade ao alumnado afectado por un período mínimo dun ano lectivo, aínda que a experiencia di que moitos deste alumnos quedarán desconectados do acceso a universidade definitivamente.
5. CONFAPA Galicia anima a todo o alumnado afectado por esta situación inxustificable a que traslade á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como á Comisión Interuniversitaria de Galicia, tantas peticións como escritos de reclamación para a realización das probas como sexa posible. Sobre a base dunha masiva presentación de peticións, CONFAPA Galicia ofrécese para organizar e cofinanciar a correspondente reclamación colectiva nos tribunais de xustiza, aos efectos de revertir as consecuencias derivadas desta actuación da Comisión Interuniversitaria de Galicia.
6. Tal como expresamos anteriormente, esiximos a dimisión inmediata ou o cese fulminante dos membros da CIUG responsables dos danos e perxuizos que vai sufrir o noso alumnado, a nosa universidade e a nosa sociedade. Como sufragantes directos e indirectos coas matrículas e cos nosos impostos do sistema universitario galego rexeitamos que estas persoas continúen exercendo os seus cargos na Comisión Interuniversitaria de Galicia. Neste senso interpelamos á Consellería de Educación, que é de Cultura, Educación e Universidade, a que exerza todas as súas competenzas para esixirlles aos membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia as responsabilidades derivadas da falta de dilixencia no exercizo das súas funcións.
7. Somos conscientes de que a afección da situación sanitaria na educación está lonxe de ter sido superada, polo que esperamos que o novo equipo directivo da CIUG tome en consideración a necesidade de establecer procedementos e protocolos para afrontar situacións de emerxencia semellantes.