Afundación, ABANCA e o Concello de Ourense entregarán durante as vacacións menús a escolares de familias vulnerables

En Ourense repartiranse 200 menús ao día durante os meses de xullo e agosto, un labor no que participarán traballadores e persoas voluntarias das entidades

O programa «Cubertos» da Obra Social de ABANCA desenvolverase nas sete principais cidades galegas onde se repartirán máis de 40 000 menús durante os meses de xullo e agosto

AVANTAR ACTIVIDADES

O obxectivo é apoiar á infancia en risco de pobreza ou exclusión social, cuxa situación viuse agravada pola crise da COVID-19, garantindo unha alimentación saudable e nutritiva

Afundación, ABANCA e o Concello de Ourense poñerán en marcha o programa «Cubertos», que proporcionará 200 menús saudables ao día a menores en risco de pobreza ou exclusión social durante as vacacións escolares. Para este fin, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero, asinaron hoxe o convenio de colaboración para o desenvolvemento deste proxecto enmarcado na liña de impulso social de Afundación.

As imaxes da rúbrica están dispoñibles aquí:

https://drive.google.com/drive/u/1/folders/1Bd8ThP0b9Xk0iaPhMaS0qz-XgKCe0zdO

O obxectivo de «Cubertos» é apoiar ás familias máis vulnerables, especialmente afectadas pola crise da COVID-19, garantindo ás nenas e nenos unha alimentación saudable durante o verán, período no que se interrompen os programas de bolsas comedor. Esta é a terceira edición do programa, que se iniciou no verán de 2020 e continuou durante as vacacións de Nadal, e que obtivo recentemente o premio na categoría de Acción Social, outorgado por CECA a nivel estatal.

O programa «Cubertos» desenvolverase nos meses de xullo e agosto na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo en colaboración coas administracións locais e distintas entidades sociais, segundo cada municipio. Para o programa «Cubertos» resulta imprescindible, ademais do apoio fundamental do Concello de Ourense, o labor dos 100 membros do equipo da Obra Social de ABANCA e os 120 voluntarios e voluntarias tanto de ABANCA como de Afundación que velarán polo seu correcto funcionamento, preparando a distribución, entregando os menús e atendendo ás familias». Así mesmo, habilitaranse un total de 15 puntos de recollida, para facilitar a accesibilidade das familias, con localizacións que se acomoden ás súas necesidades.

Os menús prepáranse seguindo as recomendacións da Estratexia NAVES da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), que engloba accións para inculcar hábitos de vida saudables a través da alimentación e o exercicio. Con este obxectivo, os menús, elaborados en empresas galegas especializadas e supervisados por nutricionistas, son equilibrados e orientados á idade e gustos dos menores e prepáranse con produtos frescos de provedores locais. Ademais, na elaboración dos menús atenderase ás necesidades específicas dos nenos e nenas participantes con intolerancias, alerxias ou outras particularidades.

ABANCA e Afundación impulsan este programa dentro do seu compromiso coas persoas máis vulnerables, conscientes do impacto económico que continúa provocando o coronavirus, máis aló da súa grave repercusión sanitaria. Ambas as entidades secundan o obxectivo común das administracións e entidades de iniciativa social de mobilizar a solidariedade cidadá e das empresas, fomentando ademais o voluntariado e a responsabilidade compartida na construción dunha sociedade máis xusta e cohesiva.

Imaxes do programa Cubertos 2020, dispoñibles na seguinte ligazón:

https://drive.google.com/drive/folders/1zCWY2cupdXYXjVps9l4bN4X8sA2oElh4?usp=sharing