Deputación de Ourense e Xunta asinan un convenio para integrar a biblioteca provincial na Rede de bibliotecas de Galicia

Manuel Baltar afirma que este acordo “mellorará o acceso da veciñanza ao libro e á lectura, física e dixital, unha iniciativa coa que a Deputación de Ourense contribúe cos importantes fondos bibliográficos que posúe” 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asinaron en Santiago un convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades para establecer o compromiso de integración do centro bibliotecario provincial na Rede de bibliotecas de Galicia. A finalidade, afirma Baltar, é “mellorar o acceso da veciñanza ao libro e á lectura, tanto en formato físico como dixital, unha iniciativa coa que a Deputación de Ourense contribúe cos importantes fondos bibliográficos que posúe”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ámbalas dúas entidades son conscientes de realizar actuacións no eido da creación de recursos de lectura pública que fomenten a mellora da oferta adecuada ás novas demandas dos usuarios, para satisfacer as necesidades en materia de acceso aos recursos públicos de lectura, expresa o acordo. 

Neste sentido, a Deputación de Ourense comprométese a dotar á biblioteca do orzamento suficiente para o seu funcionamento e do persoal adecuado para asumir as tarefas do servizo bibliotecario. Ademais, remitirá anualmente á Consellería a información que se solicite, con especial atención ás estatísticas anuais, e fomentará a participación do centro bibliotecario na Rede e nos programas que se establezan, como a interconectividade técnica e semántica, o uso de software, os estándares necesarios para o intercambio e acceso á información e a adopción das normas e manuais de procedemento que se establezan para as bibliotecas da Rede. 

Tamén se contempla no acordo a participación nos programas de préstamo interbibliotecario, facilitando orixinais ou copias dos documentos, e a colaboración coa Consellería na recuperación, conservación e dispoñibilidade pública do patrimonio bibliográfico galego e da documentación de interese para Galicia, debendo facilitar a Deputación que se leven a cabo os programas de conservación, dixitalización ou rexistro e gravación noutros soportes dos materiais de interese para Galicia, promovidos polo dito órgano, facilitando a súa copia e colaborando na súa recollida e conservación. 

Pola súa banda, a Consellería de Cultura comprométese a integrar á Biblioteca Provincial de Ourense na Rede de Bibliotecas de Galicia; a dotala do software necesario para a súa xestión a través do Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria, e a prestar o apoio técnico necesario para acadar servizos bibliotecarios da calidade. Tamén promoverá a Consellería a realización de accións formativas destinadas ao persoal dos servizos bibliotecarios públicos; organizará o sistema de préstamo interbibliotecario e o acceso do centro bibliotecario aos fondos de calquera outro centro da rede, e dará acceso ao préstamo intrabibliotecario ou internacional. Finalmente, a Consellería integrará ao centro bibliotecario ourensán en programas de recuperación, conservación e dixitalización de materiais de interese local ou galego.