Gonzalo Caballero pon en valor os 28 millóns de euros que o goberno de España investirá na modernización do regadío e na limpeza de canles na Limia: “había que facelo e fixémolo”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O líder do PSdeG sinala este plan como “histórico” ao “cubrir unha necesidade que outros gobernos non fixeron”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe a Limia para pór en valor os 28 millóns de euros que o goberno de España investirá na modernización do regadío e na limpeza das canles na Limia.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Gonzalo Caballero fixo estas declaracións en compañía da alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama; e do presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, así como de parlamentarios, deputados e senadores socialistas por Ourense e do secretario provincial do PSdeG, Rafael R. Villarino.

“Cando visitei Xinzo hai unhas semanas, recollemos esta necesidade de impulsar e modernizar o regadío para toda A Limia e isto xa é unha realidade. Había que facelo e fixémolo”, subliñou o líder do PSdeG logo de incidir en que este “é un investimento histórico” por parte do Ministerio de Agricultura “que queda feito”.

Ao fío disto, o dirixente socialista destacou que o goberno de España destina 28 dos 32 millóns de euros que servirán “para cubrir as necesidades das infraestruturas para a agricultura da bisbarra”.

Nesta liña, sinalou que a consecución desta “demanda histórica” suporá “darlle modernidade e sostenibilidade a todo o sector primario” da provincia e destacou que “cubre unha necesidade que outros gobernos non fixeron”. “Estamos cumprindo coa Limia”, sentenciou.

ELVIRA LAMA: “O GOBERNO APOSTA FIRMEMENTE POR ESTA COMARCA”

“Non vale con dicir constantemente que somos a comarca agrícola e gandeira por excelencia de Galicia, senón que precisamos inversións e parece que, desta volta, vai ser unha realidade, posto que o goberno de España aposta firmemente por esta comarca”, enxalzou a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama.

En concreto, a rexedora resaltou que o goberno de España puxo “enriba da mesa” 28 millóns de euros de orzamento.

De feito, Lama instou á Xunta a facer o propio e asumir “as infraestruturas viarias pendentes” ás que se comprometeu a Consellería de Medio Rural “neste salón de actos”.

JOSÉ ANTONIO QUIROGA: “HOXE É UN DÍA DE LEDICIA PARA A LIMIA”

Pola súa banda, o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, destacou que “hoxe é un día de ledicia para a comarca da Limia e os seus dez concellos”.

“Hai que congratularse polo pulo inversor do goberno de España e deste compromiso co territorio”, subliñou logo de incidir en que esta medida terá un “gran impacto” no eido medioambiental ao mellorar a calidade das augas.

Por último, Quiroga destacou que a limpeza das canles repercutirá “moi positivamente” na bisbarra, xa que evitará anegacións e perdas de cultivos.