O pleno da Deputación aproba a ordenanza de acceso electrónico aos servizos do ente provincial

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Tamén aprobou o convenio entre a Deputación e os concellos para a prestación do servizo de recollida de aceite de orixe doméstica, e iniciativas a prol do acollemento familiar e a defensa do patrimonio 

 O pleno ordinario da Deputación de Ourense, correspondente ao mes de xullo aprobou hoxe, inicialmente, a ordenanza reguladora do acceso electrónico aos servizos do ente provincial e dos seus organismo dependentes. O obxectivo é regularizar o uso dos medios electrónicos no ámbito da Deputación, e para elo a ordenanza promove a utilización das tecnoloxías da información e as comunicacións na actividade administrativa, nas relacións entre a Deputación e o resto de entidades integrantes do sector público, así como nas relacións coa cidadanía, co fin de garantir os seus dereitos de acceso electrónico aos servizos públicos desta Administración.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Para os usuarios interesados en relacionarse coa Administración provincial a través de medios electrónicos, consideraranse válidos a efectos de firma os sistemas de firma electrónica e selo baseados en certificados electrónicos incluídos na “Lista de confianza de prestadores de servizos de certificación”. Neste sentido, se requirirá aos usuarios o uso obrigatorio da firma para: formular solicitudes, presentar declaracións responsables ou comunicacións, interpoñer recursos, desistir de accións e renunciar a dereitos. Se algunha persoa interesada non dispón dos medios electrónicos necesarios, a súa identificación ou firma electrónica no procedemento administrativo poderá ser validamente realizada por un funcionario público provincial habilitado, mediante o uso da firma electrónica do que estea dotado para iso. 

Para levar a cabo esta operativa, a Deputación  de Ourense e os seus organismos dependentes e entes adscritos, prestarán asistencia presencial, ou a través de internet, redes sociais, atención telefónica ou correo electrónico corporativo. A sede electrónica da Deputación de Ourense estará dispoñible na dirección: https://sede.depourense.es

Para facilitar o acceso e utilización dos servizos postos ao dispor dos cidadáns a través da sede electrónica, a Deputación disporá dunha oficina de atención e asesoramento ao cidadán nas dependencias do Pazo Provincial. Asemade, a Deputación e os seus entes dependentes  dispoñen dun Rexistro Electrónico Xeral único, no que se fará o seu correspondente asento de todo documento que sexa presentado ou que se reciba, como tamén dun taboleiro de anuncios e edictos –integrado na sede electrónica-, que servirá como medio de publicación dos anuncios, acordos, resolucións e comunicacións emitidos pola Deputación. 

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes: 

Ordenanza de acceso electrónico aos servizos da Deputación 

Acordo: 

Aprobar inicialmente a Ordenanza reguladora do acceso electrónico aos servizos provinciais da Deputación de Ourense e dos seus entes dependentes e adscritos. 

Ordenanza de selección de persoal 

Acordo: 

Aprobar inicialmente a modificación da ordenanza reguladora dos procedementos de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal ao servizo da Deputación de Ourense, modificando os artigos 4 e 5 e engadindo unha disposición transitoria terceira coa seguinte redacción: “As listas previas das categorías profesionais do subgrupo C2, excepto as de auxiliares de administración xeral e as de choferes especialistas actualmente en vigor seguirán estando vixentes ata que se confeccionen e se aproben con carácter definitivo as novas listas a través do sistema de concurso-oposición”. 

Modificacións na RPT 

Acordo: 

Aprobar inicialmente as modificacións na vixente Relación de Postos de Traballo da Deputación de Ourense, mediante a corrección de erros, dos seguintes requisitos para o desempeño dos postos de Asesoría Xurídica que se detallan: 1 xefe do Gabinete de Asesoría Xurídica e Asistencia a Municipios. Titulación requirida: grao en Dereito ou equivalente; 1 subdirector de Asesoría Xurídica e Asistencia a Municipios. Titulación requirida: grao en Dereito ou equivalente; 2 asesor xurídico. Titulación requirida: grao en Dereito ou equivalente. 

Modificación das bases de execución do orzamento 

Acordo: 

Aprobar inicialmente a modificación n.º 7/2021 das bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Ourense, variacións que non afectan cuantitativamente ao orzamento de 2021. 

Servizo de recollida de aceite de orixe doméstica 

Acordo: 

Aprobar o convenio de cooperación entre a Deputación de Ourense e os concellos da provincia para a prestación, por parte de Deputación, en réxime de competencia delegada e con carácter intermunicipal, do servizo de recollida de aceite de orixe. A delegación de competencias establecida neste convenio comprenderá o exercicio das seguintes funcións: a ordenación do servizo, incluíndo o establecemento ou modificación das súas condicións de prestación e a elaboración e aprobación, de ser o caso, da correspondente ordenanza reguladora; a xestión do servizo de forma directa coa colaboración de unha empresa especializada mediante un contrato de servizo; a instalación de colectores aptos para o depósito directo de botellas e envases de ata dous litros de aceite usado de orixe doméstica ou asimilado na vía pública no lugar previamente concertado con cada concello, e a realización de campañas de información entre a poboación. 

Acollemento familiar 

Acordo: 

1. Que a Deputación de Ourense ordene e actualice a súa normativa para establecer expresamente a equiparación de feito, na medida do posible, para os efectos administrativos, aos menores en acollemento en calquera das súas modalidades —temporal, permanente, preadopción ou de urxencia— á condición de fillo ou filla, durante o tempo que se atopen baixo acollemento familiar, configurando medidas que apoien positivamente a estas familias e menores. 

2. Que a Deputación de Ourense incorpore o ítem “familia acolledora” ou “crianza en acollida” nos impresos e modelos das súas áreas de xestión, configurando medidas que apoien positivamente a estas familias e menores. 

3. Que a Deputación de Ourense considere ás familias acolledoras de especial protección, aplicando medidas de discriminación positiva que faciliten a vida comunitaria a nivel local das persoas que acollen e das acollidas. 

4. Que a Deputación de Ourense valore a posibilidade de ofrecer formación básica ou avanzada ao seu persoal, en materia de medidas de protección de menores, especialmente sobre acollemento familiar. 

5. Que a Deputación de Ourense elabore un rexistro provincial de familias acolledoras de carácter voluntario. 

6. Que a Deputación de Ourense aprobe axudas para familias acolledoras. 

7. Que a Deputación de Ourense poña en práctica medidas para divulgar e sensibilizar sobre acollemento familiar e da necesidade de ter familias acolledoras. 

8. Instar a Xunta de Galicia a dotar unha partida orzamentaria para as familias acolledoras ou para o acollemento familiar. 

9. Instar á Xunta de Galicia a potenciar o criterio de acollemento familiar permanente. 

10. Instar ao Goberno de España e a Xunta de Galicia a contemplar dentro dos orzamentos, tanto do Goberno de España como da Xunta de Galicia de unha partida especificamente dedicada as familias acolledoras ou para o acollemento familiar; e que tanto o Goberno de España como a Xunta de Galicia poñan en practica medidas de divulgación e de sensibilización sobre o acollemento familiar e a necesidade fundamental de ter familias acolledoras. 

Defensa do patrimonio 

Acordo: 

1. O pleno provincial da Deputación de Ourense insta ao goberno provincial a reactivar a Comisión Provincial de Patrimonio. 

2. Instar á Xunta de Galiza a elaborar un informe sobre a situación do patrimonio cultural da provincia, e que este sexa remitido á Deputación de Ourense e a todos os concellos desta provincia. 

3. Instar á Xunta de Galiza a deseñar en coordinación coa Deputación provincial un proxecto global de xestión do patrimonio sostíbel, para a protección dos elementos patrimoniais da provincia. No que se priorice o coñecemento e valorización do patrimonio sobre criterios turísticos, que poden ser complementarios, pero non á inversa. Coa conseguinte partida para estes fins nos Orzamentos da Xunta para o ano 2022 e seguintes. 

4- Posta a disposición dos propietarios de bens catalogados, dos cadros técnicos da Deputación de Ourense para o deseño de proxectos destinados a garantir a consolidación do patrimonio cultural que eviten o seu deterioro. 

5. Crear un fondo que con criterios obxectivos na súa adxudicación, apoie a persoas físicas e institucións propietarias de bens patrimoniais catalogados dispostas a emprender reformas de rehabilitación de ditos bens. 

6. Que a Deputación de Ourense emprenda un proxecto didáctico de divulgación patrimonial para a concienciación a cargos municipais, propietarios individuais e colectivos veciñais, dos bens patrimoniais que atesouran os seus concellos, incidindo no valor social do patrimonio, evitando así que as medidas sexan reactivas aos danos. 

7. Instar á Xunta de Galiza a elaborar e poñer en funcionamento un plan pedagóxico patrimonial escolar para que o coñecemento, o coidado e o que representa o patrimonio forme parte dos principios educativos das nenas e nenos. 

8. Instar á Consellería de Cultura e Universidades da Xunta de Galiza en coordinación coa Deputación de Ourense a implementar ferramentas dixitais para a difusión e coñecemento do noso patrimonio. 

9. Instar á Xunta de Galiza a dar traslado do proxecto de albergue que se está realizando no Mosteiro de Oseira, a fin de poder avaliado en profundidade nesta Deputación, se este non fora trasladado a data da celebración deste pleno. 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------