Carmen Rodríguez Dacosta alerta fronte á “masculiización” do rural, provocado pola marcha das mulleres

A portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamoulle hoxe á Xunta un Plan de choque contra a perda de emprego da muller no rural. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Agricultura dirixida a frear a marcha das mulleres do medio rural, que está a provocar a chamada “masculinización”, pero que foi rexeitada polo voto en contra do PP.

A responsable socialista deu a luz de alarma pola perda de poboación feminina no medio rural galego, sinaladamente nas provincias de Ourense e Lugo, que evidencia a caída drástica das mulleres ocupadas o sector agrario, gandeiro e forestal de Galicia, o triplo que no resto do Estado. Nesta Comunidade Autónoma “pasamos de 31.094 ocupadas nese sectores en 2008 a 17.389 en 2022”, unha caída do 44 por cento fronte á media estatal do 15,4 por cento.

AVANTAR ACTIVIDADES

Explicou que a difícil situación das mulleres no rural, obrigadas a asumir as tarefas do fogar, os coidados de fillos, maiores e dependentes, fai que marchen, acentuando se cabe máis o desplome demográfico. Explica que a taxa de desemprego feminino nos núcleos rurais sitúase un 25 por cento por enriba do masculino, e o 50,7 por cento das mulleres rurais de entre 20 e 65 anos están en situación de deseprego ou inactividade, e apenas cotizan 20 anos, fronte aos 38 dos homes.

Dacosta sinalou que “o goberno galego ten a obriga de facilitar que a agricultura e a gandería sexan oportunidades para as mulleres”, tomando medidas para “rachar coa discriminación das mulleres no rural”. Reclamou por exemplo cunha liña específica de axudas dirixida a mulleres que traballan ou emprenden actividade directa no sector primario complementaria coas axudas da PAC, tal e como fixeron as deputacións de A Coruña e Lugo.

Reivindicou unha “aposta decidida pola muller rural”, situando como prioridade o seu acceso ao mercado laboral en condicións, convertendo ás mulleres en axentes de cambio cara unha agricultura sostible e respectuosa co medio ambiente”, incluíndo incentivos para apoiar a sostenibilidade e desenvolvemento de empresas emerxentes.

Sinalou que “se trata de avanzar na igualdade no ámbito rural, especialmente coas mulleres agricultoras e gandeiras, que levan anos esperando por un Estatuto propio”, cumprindo coa iniciativa socialista aprobada no Parlamento de Galicia, “pero que non chega” polo desleixo do goberno galego.