O goberno local e a área industrial buscan solucións ás necesidades dos traballadores

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta semana, foron recibidos, na casa do Concello, os integrantes da Xunta Directiva da Asociación de Empresarios da Área Industrial polo Sr. Alcalde, D. Francisco Fumega, e o Sr. Concelleiro de Industria, D. Manuel Dacal.

O obxecto da recepción foi escoitar para poder dar solución as diferentes necesidades, inquedanzas e demandas, que se foron recollendo ao longo do ano nun informe elaborado polo servizo técnico dunha asociación que agrupa a 52 empresas con 1.132 traballadoras/es e unha facturación por enriba dos 300 Mn de euros. Este informe foi presentado na Asemblea Xeral de socios celebrada o pasado 8 de Xullo no auditorio da vila.

Entre os principais temas que se trataron neste encontro, destacan principalmente a baixa velocidade de Internet pola inexistencia de rede de fibra no polígono,  a mellora da iluminación en varios viais, a necesidade urxente de limpeza e desbroce de toda a área e a solicitude de información sobre a rede de subministro e puntos de conexión de gas natural.

Tamén se falou da necesidade urxente de acondicionar e asfaltar o tramo final do vial 6 en dirección á antiga feira do gando. Este proxecto xa foi aprobado e adxudicado e está previsto que se materialice no mes de setembro.

Outro punto que tamén se leva abordado nas últimas reunións co goberno municipal, é a necesidade de comunicar os viais 1 e 3, ao comezo da area empresarial xa que faría mais eficiente a circulación liberando os demais viais, respecto da circulación ata a ITV e outras empresas con transportes de vehículos pesados.

Para rematar, expúxose a necesidade de contar cun novo convenio de colaboración co Concello, para poder seguir mantendo persoal contratado propio e, así, poder continuar ofrecendo servizo de atención personalizada aos asociados.

O equipo de Goberno mostrou o seu apoio, comprometéndose a revisar cada un dos puntos que se abordaron nesta reunión, e a facer un percorrido, xunto co presidente de AICA, Manuel Carballeda, polo parque empresarial, co fin de analizar in situ a situación actual do mesmo e afrontar a mellor solución.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------