O PsdeG informa ao colectivo de emigrantes retornados que a axencia tributaria xa inclúe as pensións estranxeiras no borrador fiscal sa declaración da renda

Esta antiga demanda do colectivo de emigrantes retornados fora exposta polos parlamentarios galegos do PSdeG-PSOE ante a Comisión de Facenda do Congreso dos Deputados

Luís Gulin, insiste aos emigrantes retornados en “comprobar no borrador fiscal se contén todas as pensións percibidas do exterior, xa sexa a pensión de xubilación, a de viuvez ou un plan de pensións

AVANTAR ACTIVIDADES

 A secretaría provincial de Migracións do PSdeG-PSOE de Ourense informa aos emigrantes retornados que xa poden comprobar se no seu borrador fiscal, que xa poden baixar da páxina web da Axencia Tributaria, aparece que reciben pensións estranxeiras da Unión Europea e de terceiros países, como pode ser o caso de Suíza. Esta antiga demanda do colectivo de emigrantes retornados fora exposta polos parlamentarios galegos do PSOE ante a Comisión de Facenda do Congreso dos Deputados. Unha das queixas frecuentes dos retornados eran ter que achegar expresamente documentación das súas pensións estranxeiras ao carecer a Axencia Tributaria española coñecemento directo das mesmas.

Desde o ano pasado a Axencia Tributaria española dispón da información facilitada polos organismos fiscais dos distintos países. Non obstante a Axencia Tributaria advirte no mesmo borrador dos datos fiscais que “non inclúe todas as súas rendas de fonte estranxeira”. Por ese motivo, o secretario provincial de Migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulin, insiste aos emigrantes retornados en “comprobar no borrador fiscal se contén todas as pensións percibidas do exterior, xa sexa a pensión de xubilación, a de viuvez, a pensión privada dun plan de pensións ou calquera outra similar”.

No caso de só de percibir pensión estranxeira e ningunha española, “é obrigatorio solicitar ao organismo pagador da pensión estranxeira, incluído as pensións privadas de plan de pensións, un certificado dos ingresos percibidos e das deducións efectuadas ao seguro médico e a maiores ao seguro de dependencia, este último só no caso de pensións percibidas de Alemaña, Austria e Italia”, explica o secretario provincial de Migracións. Estas deducións son, por sentenza do TEAC do ano 2021, gastos deducibles na declaración da renda española.

Gulin resalta, unha vez máis, tras comprobar en varias sesións informativas realizadas na provincia de Ourense, que “moitos dos retornados, principalmente de Alemaña, non están a rectificar as declaracións da renda do 2017 ao 2020, para solicitar a aplicación destes gastos deducibles e a devolución de ingresos indebidos se a declaración da renda nese período fiscal sae a pagar en España”.