O grupo socialista denuncia o evidente e lamentable incumprimento da Xunta no control das poboacións de xabarín

Martín Seco lamenta que o PP votase hoxe en contra da proposta do PSdeG para que se tomen medidas para paliar e compensar os danos que produce esta especie no agro galego

O portavoz de Política Forestal e de Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco, puxo de relevo hoxe a o “evidente e lamentable” incumprimento da Xunta á hora de adoptar medidas eficaces para controlar as poboacións de xabarín en Galicia. Así o fixo esta mañá durante o debate na Comisión de Agricultura da iniciativa presentada polo PSdeG para esixirlle ao goberno galego medidas para controlar esta especie e os danos que produce, e que foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste escenario, o deputado socialista lamentou hoxe que o goberno galego leve case un ano sen dar cumprimento á iniciativa do PSdeG -aprobada por unanimidade no Parlamento en novembro pasado- para poñer en marcha un plan de xestión do xabarín. Nesa proposta tamén se instaba á Xunta a activar un fondo de corresponsabilidade para facer fronte ás axudas por danos ocasionados polo xabarín e a establecer un plan de medidas preventivas e de indemnizacións para os afectados.

Lonxe disto, Martín Seco lamenta que o goberno galego rexeite agora a iniciativa e que siga sen tomar medidas “cun problema que está fóra de control”. Unha situación que está a ocasionar “un fondo malestar polos cuantiosos danos que esta especie provoca nas terras de cultivo”. Nesta liña, alertou de que “nos últimos 6 anos as perdas causadas por esta especie poden chegar aos 70 millóns de euros, dos cales a Xunta de Galicia cubriu tan só 6 millóns, o que fixo que moitas explotacións se endebedaran ou ben deixaran a actividade completamente”.

FRACASO DA XESTIÓN DA XUNTA

Como máximo expoñente do “fracaso da xestión da Xunta” neste tema, Martín Seco indica que “ a declaración de  emerxencia cinexética decretada polo goberno galego en varias comarcas de Galicia é unha medida que por si soa non garante unha redución drástica das mandas de xabarín” que campan sen control, causando graves danos nas explotacións agrarias e motivando miles de accidentes de tráfico nas estradas galegas”. “É máis”, indica Seco, “supón un recoñecemento tácito do descontrol da poboación destes animais e do evidente fracaso da xestión da conselleira de Medio Ambiente”.

Por iso, Martín Seco sinala que “resulta cada vez máis urxente a necesidade de que a Xunta de Galicia se involucre e impulse dunha vez por todas unha xestión efectiva desta especie, que se foi apoderando do territorio e que entra en conflito directo coas actividades do sector primario e mesmo coa circulación viaria”.

MEDIDAS PREVENTIVAS

Nesta liña, Martín Seco insta á Xunta a dar cumprimento ao acordo aprobado por unanimidade en novembro pasado e, a  maiores, a que adopte medidas complementarias e de carácter preventivo. Así,  propón que se reforme o sistema de recollida de información para que os datos de capturas sexan un indicador fiable da abundancia da especie ou que se cambie a normativa no referente ás actuacións que se lles permiten aos tecor para previr danos.

Tamén fai fincapé na instalación de comedeiros con anterioridade ao tempo de sementa, ou medidas de mitigación, como a solta de cans nas zonas afectadas, así como a valorización da carne de caza.