O BNG pídelle a Goberno Local e Xunta que deixen de mentir en relación coa recalificación dos terreos da antiga estación de buses

Os nacionalistas lembran que se alguén está facendo política, e da mala, é o Goberno Local pois cando Caride era concelleiro portavoz e Sonia Ogando concelleira de Urbanismo defendían o dereito de reversión dos propietarios que agora o PP nega

Amais , a Xunta xa dispuña dunha parcela de preto de 8.000 m2 cedida polo concello no barrio do Vinteún para dito centro de maiores

AVANTAR ACTIVIDADES

PP, DO e Cs MINTEN cando afirman que o BNG votou en contra do centro de maiores proxectado pola Xunta de Galiza na parcela ocupada pola antiga estación de autobuses. O que se propuxo e votou, foi a retirada da orde do día para mellor estudo do expediente pois existen moitas dúbidas a respecto do dereito de reversión dos propietarios de dita parcela, o que podería supor graves consecuencias para o concello nun futuro, tendo mesmo que abordar indemnizacións que superarían os 3 millóns de euros.

Para o BNG resulta curioso que cando Miguel Caride formaba parte do Goberno Local e era portavoz do mesmo, e sendo, ao igual que agora, Sonia Ogando responsable de urbanismo, nunha sesión plenaria, si defendeu o dereito de reversión de ditos propietarios e das consecuencias que iso tería de non acadar un acordo previo con eles ou mesmo iniciar un proceso expropiatorio. Queda claro por tanto que quen fai política, e da mala con esta cuestión, e o actual Goberno PP-DO.

Outra das cuestións non menor, a ollos do BNG, ten que ver cos acordos acadados no seu día coa veciñanza da zona, que este mesmo venres reivindicaba en nota de prensa unha xuntanza entre concello, Xunta, veciños e grupos políticos para clarexar os usos da parcela e blindar as demandas expostas no seu día por eles e comprometidas tanto polo Goberno Local como pola Xunta.

Desde o BNG queren respostar tamén ás queixas verquidas por parte da Xunta de Galiza cando afirma que Ourense é a única cidade na que non dispón de terreos. Neste caso volve a ser falso, pois no seu día, o concello cedeu unha parcela de preto de 8.000 m2 no barrio do Vinteún para a construción do centro promovido polo Executivo galego polo que será a Xunta en todo caso, a que terá que explicar porqué agora cambia de ubicación. Para o BNG está claro e así o manifestou Luis Seara no pleno do venres, para poder xustificar o “pendello” ao carón da estación Empalme.

O BNG urxe ao Goberno Local a convocar a xuntanza solicitada polas veciñas e veciños xa que entenden que de porse as cartas sobre a mesa e clarexar a situación, a recalificación saería adiante.

Os nacionalistas lémbranlle a PP e DO que gobernan en minoría e non por culpa do BNG senón das súas liortas internas polo que non poden pretender chegar ao pleno sen ter falado e negociado previamente con ninguén e querer pasar o “rodillo”, xa que en relación a este tema, mantéñense, a día de hoxe, as mesmas incógnitas que o BNG xa manifestou hai meses, o que demostra a incapacidade do actual goberno.

Por último, no BNG lamentan a celeridade coa que neste caso, concello e Xunta, revocaron o convenio asinado no seu día polo que se cedía a parcela do Vinteún. Con esta revocación teñen a coartada perfecta para afirmar que a parcela da antiga estación de buses é o único emprazamento posible.