A Xunta concederá axudas de ata 25.000 euros aos concellos para corrixir impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos municipais

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda comprobou as actuacións que se están a executar na aldea de Puxedo, grazas ás subvenciónss do Goberno galego

AVANTAR ACTIVIDADES

Ángeles Vázquez adianta que a partir da vindeira semana os municipios de menos de 20.000 habitantes poderán presentar unha solicitude a esta nova liña de axudas, que se convoca por primeira vez cun importe de 800.000 euros

Recorda que se suma á liña de incentivos dirixida a particulares para facer pequenas intervencións nas súas propiedades, convocada en abril por un importe inicial dun millón de euros e ampliada en 200.000 euros; co fin de atender o 100% das solicitudes presentadas e que cumpren os requisitos

Ambas liñas de axudas responden ao compromiso do Goberno galego coa protección da paisaxe en todas as súas formas

A Xunta de Galicia concederá axudas de ata 25.000 euros aos concellos galegos que desexen corrixir impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos municipais. O Diario Oficial de Galicia do vindeiro venres publicará a Orde deseñada polo Instituto de Estudos do Territorio, aprobada recentemente polo Consello da Xunta, para renovar, acondicionar ou intervir sobre inmobles da súa propiedade que inflúen negativamente na contorna na que se localizan.

Así o adiantou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita á aldea de Puxedo, onde puido comprobar as actuacións que se están a executar grazas a unhas axudas do Goberno galego; e onde animou aos concellos beneficiarios a presentar unha solicitude a esta nova liña de incentivos, que se convoca por primeira vez cun importe de 800.000 euros.

A conselleira destacou que se trata dunha nova orde dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes, para axudalos a emendar impactos paisaxísticos, nos seus edificios como nos equipamentos públicos de titularidade municipal.

“É primeira vez que se establecen este tipo de incentivos directos para mellorar o aspecto dos inmobles” e indicou que se fixan dúas liñas diferenciadas, como as intervencións sobre edificios ou dependencias que alberguen servizos municipais, incluíndo actuacións de renovación de acabados exteriores en fachadas, cubertas e cerramentos. A subvención suporá o 70% do investimentos previsto, cun límite máximo de 25.000 euros por concello.

A segunda liña aposta por actuar sobre fontes, hórreos, lavadoiros públicos e palcos de música a través da execución de traballos de acondicionamento, rehabilitación ou substitución, parcial ou total, dos elementos deteriorados. Neste caso, a porcentaxe subvencionable tamén será do 70% do custo da obra, cun límite de 10.000 euros.

As actuacións deberán adaptarse ou ben aos criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia, ou ben aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.

Evitar o impacto paisaxístico de construcións particulares

A conselleira de Medio Ambiente destacou que a Orde que se convocará no DOG do vindeiro venres súmase á liña de incentivos convocada en abril para emendar e corrixir impactos paisaxísticos en edificación de particulares e comunidades.

Vázquez Mejuto salientou que o programa foi un éxito pois o orzamento inicial dun millón de euros, ampliouse recentemente -en 200.000 euros- para atender o 100% das solicitudes presentadas e que cumpren os requisitos.

Así, repartiranse 1,2 millóns de euros en 450 axudas concedidas, que implican a mobilización de 2,5 millóns de euros, e no caso de Lobios supuxeron un total de 15 actuacións, é dicir, 15 veciños que viron neste programa unha oportunidade para embelecer o seu concello.

Nese sentido, a alcaldesa de Lobios, Carmen Yáñez, destacou que a decisión dos veciños de executar estas mellora cun criterio de continuidade, e non de xeito individual, achega valor ao concello e un motivo máis para ser un referente na Baixa Limia.

Ambas ordes, que suman un importe de 2 millóns de euros, enmárcase no compromiso do Goberno galego coa protección da paisaxe en todas as súas formas —naturais, rurais, urbanas e periurbanas— ; xa que esta é un elemento fundamental da calidade de vida das persoas, polo que tamén debe ser o fiel reflexo dun medio ambiente de calidade e dunha sociedade en relación harmónica coa contorna.