A loita contra a minaría denunciada polo Concello de A Lama

Unha integrante da plataforma SOS Suído Seixo recibe unha denuncia por un acto de
entrega de alegacións.

Publicidade

O día 31 de agosto unha compañeira de SOS Suído Seixo, plataforma que loita contra a
creación da mina Alberta I na zona de Doade, concello de Beariz (e os demáis proxectos
mineiros derivados da mesma, nos concellos de Beariz, Avión, A Lama,
Cerdedo-Cotobade e Forcarei), recibiu a notificación do “inicio dun procedemento
sancionador”, por parte do concello da Lama, contra a súa persoa, e coa conseguinte
multa polo valor de 100 euros, por, citamos textualmente: “…UNA CONCENTRACIÓN NO
COMUNICADA EN LAS INMEDIACIONES DEL AYUNTAMIENTO DE LA LOCALIDAD
DE A LAMA (PO), LA CUAL TENDRÁ UNA DURACIÓN APROXIMADA DE 2 HORAS,
DANDO COMO HORA DE INICIO LAS 10:30 HORAS, EN LA MISMA SE
CONCENTRAN ALREDEDOR DE UN GRUPO DE 30 PERSONAS PORTANDO VARIAS
PANCARTAS CON EL LEMA NON Á MINA…”.
Dende SOS Suído Seixo queremos visibilizar o noso profundo rexeitamento a este intento
de criminalizar unha loita xusta en defensa do territorio, e a nosa preocupación pola
terxiversación e uso dunha situación de alerta sanitaria para frear e “castigar” a
movilización social xurdida a raíz da oposición veciñal a un proxecto mineiro destructivo
que non cumpre coas normativas europeas de seguridade medioambiental e que conta
cun informe desfavorable da Confederación Hidrográfica na súa contra.
Queremos, así mesmo, dar a coñecer a situación real que o Concello de A Lama pretende
terxiversar e ocultar a través desta denuncia:

  • A Plataforma SOS Suído Seixo convocou un acto de entrega de alegacións no Concello
    de A Lama para o día 16 de outubro do 2020, onde se convidaba á xente, que de feito xa
    estaba a entregar alegacións, a facelo nun mesmo día, para visibilizar que o rexeitamento
    é amplo. No propio cartaz da convocatoria pódese ver que se lembra a necesidade de
    respectar as medidas sanitarias derivadas da pandemia. Durante o día, preto dunha
    treintena de persoas se achegaron á Casa do Concello a presentar de xeito individual,
    como é o seu dereito, ditas alegacións; en todo momento se cumpliron as medidas
    sanitarias vixentes.
    Mentres as persoas ían entrando e facendo entrega, de unha en unha como obrigaba a
    situación, o resto esperaban fora mantendo as distancias, coas máscaras postas e iso si,
    visibilizando a oposición a dito proxecto mineiro, coma se pode ver nas imaxes saídas nas
    notas de prensa do Faro de Vigo, Radio Nova, e Nós Diario, e como se relata na denuncia
    interposta:“…EN LA MISMA SE CONCENTRAN ALREDEDOR DE UN GRUPO DE 30
    PERSONAS PORTANDO VARIAS PANCARTAS CON EL LEMA NON Á MINA, …”.
    Esa mesma mañá unha parella da Guardia Civil acudiu ao lugar e despois de identificar á
    compañeira, como convocante da mesma en nome da Plataforma, marcharon sen
    manifestar ningún tipo de disconformidade sobre como estaba a transcurrir o acto, en
    relación coas medidas sanitarias do momento.
    Por todo isto, non podemos entender como, case un ano despois, unha das nosas
    compañeiras recibe unha denuncia, e a multa correspondente, ante un feito que no seu
    día non incumpriu ningunha norma sanitaria, se non que foi só a mostra da veciñanza
    facendo uso dos seus dereitos e das ferramentas que a administración pon ao seu
    alcance para manifestar a disconformidade.
    A plataforma está preparando unha resposta xurídica ao que considera unha vulneración
    inxustificada dos dereitos fundamentais e de participación pública ambiental, e levará o
    caso ante os organismos europeos e internacionais. Pídese ademais a solidariedade
    doutros colectivos afíns e da sociedade en xeral, pois entendemos que estamos ante un
    intento da administración de penar os actos civís en defensa do territorio e dos máis
    elementais dereitos políticos e sociais.
    Seguiremos berrando ben alto: “Non á mina, si á vida”