O PSdeG-PSOE reclamará a ubicación en Ourense dunha entidade pública empresarial, para xestionar as centrais hidroeléctricas de toda España ás que lles caduque a concesión. Nunha iniciativa que se debaterá no próximo pleno da Deputación, os e as socialistas defenderán a constitución desta empresa con sede social, fiscal e operativa na provincia, para a xestión directa das centrais que retornan automaticamente ao patrimonio do Estado trala fin da concesión administrativa.
Diante do encoro do Bao, no municipio ourensán de Viana do Bolo, deputados, alcaldes e alcaldesas socialistas explicaron unha medida “moi atractiva a curto e medio prazo que se axustaría perfectamente ao marco regulatorio europeo” e que permitiría “devolver á provincia parte dos beneficios da explotación dos seus recursos naturais”. O deputado socialista, Aurentino Alonso, criticou o valeirado agresivo dalgúns dos grandes encoros da provincia nunha situación inédita, mentres o voceiro, Rafa Villarino, destacou a importancia desta empresa pública ante o debate sobre o modelo enerxético pero tamén como medida impulsora da economía provincial.
“Non estamos a plantexar nin a compra de bens nin a execución de novos investimentos” matizan, pois “trátase de agardar que caduquen as concesións” de infraestruturas que “están suficientemente amortizadas”. De feito, a lexislación sobre o dominio público hidráulico xa recolle esta posibilidade: “ao extinguirse o dereito concesional, reverterán á administración competente, gratuitamente e libres de cargas, cantas obras fosen construídas dentro do dominio público hidráulico para a explotación do aproveitamento“.
En Ourense existen medio cento de encoros xestionados, na súa maioría, por Iberdrola, Naturgy e Endesa, pero tamén por outras pequenas sociedades. A concesión máis lonxeva será a dos Peares, que acabará no 2059, pero na década comprendida entre 2010 e 2020 xa expiraron dúas –unha solicitou a prórroga– e na presente expirará unha máis. Será entre 2030 e 2040 (10 extincións); entre 2040 e 2050 (16) e a partir de 2060 (17) cando rematen a meirande parte destes aproveitamentos millonarios.
No conxunto de España, durante os próximos dez anos, expirará a concesión dunha trintena de centrais e decenas de pequenos saltos. “Son centos de megavatios, preto dun milleiro, que recibirá o patrimonio público e que poderían ser xestionados desde Ourense a través dunha empresa pública con importantes beneficios para todos e todas”, aseveran desde o PSdeG-PSOE.
“Cremos fundamental que, este recurso natural que produce un ben de primeirísima necesidade como a electricidade, poida ser xestionado tamén a través dunha empresa pública” que actúe “en base ao interese xeral, contribuíndo á redución dos prezos finais que se aplican aos clientes; á integración das renovables; á estabilidade da produción e á garantía de subministración”, explican os socialistas.
“Esta entidade pública permitiría crear un número significativo de postos de traballo e a tributación aquí da súa actividade e a das auxiliares constituídas na súa contorna, sería un importante pulo económico para un territorio como Ourense, necesitado de emprego”, explican antes de recordar que “tamén axudaría a loitar contra o problema demográfico e afondaría no compromiso asumido polo Goberno central de descentralizar institucións desde Madrid a outras provincias para frear o despoboamento”.
“Galicia é, xunto con Castela e León, a comunidade española con maior potencia hidráulica instalada e Ourense é unha das provincias que encabeza a xeración de enerxía hidroeléctrica, polo que cremos que isto ten que reverter no noso territorio e nas súas xentes”,