Aralia Servicios Sociosanitarios S.A. que recentemente se fixo con dous dos tres lotes nos que se dividía a limpeza de edificios municipais está presente no caso Gürtel e na denominada trama “enredadera” e mesmo o seu fundador, Ulibarri ven de recoñecer a comisión de 5 delitos para rebaixar a súa pena
Desde fai tempo, concretamente en marzo de 2015 e a través dunha moción, o BNG ven reclamando que nos pregos de contratación do Concello de Ourense se introduzan cláusulas sociais que garantan, entre outros, o cumplimento dos dereitos laborais das traballadoras e traballadores que prestan o servizo e eviten que empresas inmersas en casos de corrupción ou con antecedentes xudiciais poidan levarse ditos contratos.
Recentemente o Concello de Ourense ven de adxudicar a Aralia Servicios Sociosanitarios S.A. a limpeza de edificos municipais ata o ano 2023. Son concretamente dous dos tres lotes nos que se dividía o contrato e que en conxunto supoñen algo máis de dous millóns de euros, para ser máis exactos, 2.198.849,16 €.
Para o BNG non é nada edificante nin ético que o concello adxudique un contrato a unha empresa inmersa en dous dos máis sonados casos de corrupción, Gürtel e enredadera, Trama esta última investigada pola UDEF e polo Grupo de Delincuencia Económica e o Branqueo de capitais e onde o seu fundador, José Luis Ulibarri, segundo as pesquisas policiais, valíase das súas relacións con cargos e concelleiros para tratar de atopar vantaxes nos concursos aos que se presentaba.
Sinalar que esta empresa vendeu no seu día o 60% do seu capital a Onet, adxudicataria do lote tres e que quedou segunda no resto.
Os nacionalistas reiteran a necesidade de que se teñan en conta á hora de adxudicar os contratos estas circunstancias, derivadas dun acordo plenario, para evitar a concorrencia de empresas claramente baixo sospeita e cuxas prácticas son máis que dubidosas ao tempo que lle piden ao Goberno Local que esté vixiante para garantir non soamente o cumprimento do contrato senón as condicións laborais das traballadoras e traballadores que prestarán o servizo.