“Empezamos Ourense”, clamou Baltar no acto de clausura, no que matizou que “hoxe non fun reelixido, senón elixido para principiar un mandato como se fose a primeira vez, poñéndome a disposición do partido, con toda a ilusión, humildade, lealdade, ganas e proxectos por desenvolver, achegando a experiencia acumulada nestes máis de once anos”
· Enfatizou que só ten unha ideoloxía “que se resume nunha palabra: Ourense” e agradeceu o apoio dos compromisarios “para presidir un partido unido, gañador e activo no que hoxe facemos un alto para tomar impulso”, referíndose así ás eleccións locais do 28 de maio de 2023

· Ademais da presenza do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, o presidente electo agradeceu o apoio da dirección nacional do PP, que acudiu cunha numerosa representación encabezada polo secretario xeral, Teodoro García Egea, co que “coincido plenamente en que primeiro é o territorio e despois as siglas”
Manuel Baltar iniciou hoxe o seu cuarto mandato á fronte do Partido Popular de Ourense logo de obter o apoio do 92,24 % dos preto de 700 compromisarios que participaron no 18º Congreso Provincial do PP, celebrado no Pazo dos Deportes Paco Paz da capital coa presenza dun numeroso grupo de destacados líderes da formación popular, entre os que se atopaban o secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, e o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que acompañaron ao xa presidente no peche do conclave. “Empezamos Ourense”, clamou Manuel Baltar no acto de clausura, no que matizou que “hoxe non fun reelixido, senón elixido para principiar un mandato como se fose a primeira vez, poñéndome a disposición do partido, con toda a ilusión, humildade, lealdade, ganas e proxectos por desenvolver, achegando o meu capital de relacións políticas e institucionais e a experiencia acumulada nestes máis de once anos”.

Xa como presidente electo, Manuel Baltar subliñou que só ten unha ideoloxía “que se resume nunha palabra: Ourense, que merece un partido á altura deste territorio e das súas xentes, un partido con alma e personalidade diferenciada, como singular é a nosa provincia, ademais dunha identidade propia como berce do galeguismo que somos”.
Manuel Baltar agradeceu o apoio dos compromisarios ourensáns “para presidir o partido de Ourense, un partido unido, gañador e activo no que hoxe facemos un alto para tomar impulso”, referíndose así ás eleccións locais do 28 de maio de 2023. “Quedan 609 días para ese momento –dixo- e tal e como afirmei durante a campaña electoral como candidato á presidencia do partido, xa temos marcado un obxectivo: gañar nos 92 concellos, na entidade menor de Berán e na Deputación para obter o récord histórico nunhas eleccións municipais”.

Ningunha outra formación política en Ourense, afirmou, “é quen de ter marcadas as súas metas máis de ano e medio antes duns comicios, e iso só pode facelo o Partido Popular do rigor, da planificación, da transparencia, da cooperación e do compromiso cos autónomos, profesionais que loitan todos os días contra as consecuencias desta pandemia, e que agora tamén teñen que loitar contra o desprezable xeito de facer política dos socialistas ourensáns, que non só recorren á xustiza para obstaculizar as axudas concedidas pola Deputación, senón que ademais cítannos xudicialmente, con nomes e apelidos.

O presidente electo rexeitou calquera forma de facer política “que non teña criterios firmes, porque en política non hai grises, por iso non nos abstemos cando se fala de Ourense e da súa veciñanza e dicimos si ou non, con independencia da cor do goberno ao que correspondan as competencias”. Por ese compromiso e por ser o partido de Ourense, asegurou, “gobernamos en un de cada tres concellos que o PP ten Galicia, en dous de cada tres concellos da provincia e para dous de cada tres ourensáns”.
Un escenario, engadiu, “froito dun intenso traballo desenvolvido sobre os piares que deixaron anteriores presidentes”, citando a Ángel Carreño, Tomás Pérez Vidal e José Luis Baltar, presentes no Pazo dos Deportes.
PRIMEIRO O TERRITORIO, DESPOIS AS SIGLAS.
Manuel Baltar expresou a súa gratitude polo apoio recibido por parte da dirección nacional do PP, que acudiu cunha numerosa representación encabezada polo secretario xeral, Teodoro García Egea, co que “coincido plenamente en que primeiro é o territorio e despois as siglas”, expresando así o seu recoñecemento pola creación dunha secretaría de Política Provincial que dirixe Javier Aureliano García, presidente do PP de Almería e da Deputación, tamén presente no congreso.
Nun congreso provincial sen precedentes en España, o PP tamén arropou a Manuel Baltar coa presenza do vicesecretario xeral de Política Territorial, Antonio González Terol; a vicesecretaria xeral de Política Social, Ana Pastor; o vicesecretario xeral de Participación, Jaime de Olano; Chema Arribas do área de Organización; o coordinador territorial, Álvaro Moraga; o presidente popular da comunidade de Murcia, Fernando López Miras; o presidente da comunidade de Valencia e presidente da Deputación de Alicante, Carlos Mazón; a presidenta de Palencia e da Deputación, Ángeles Armisén; o presidente da Deputación de Segovia, Miguel Ángel de Vicente; o presidente do PP e da Deputación de Valladolid, Conrado Íscar; o secretario xeral dos populares de Castela e León, Francisco Vázquez; e o presidente do PP de Zamora, José María Barrios, entre outros.
Tamén estiveron en Ourense o alcalde de Zaragoza, Jorge Azcón; o alcalde de Alicante, Luis José Barcala; a alcaldesa de Santander, Gema Igual; de Teruel, Emma Buj; e de Pozuelo de Alarcón, Susana Pérez. Cómpre destacar, ademais, a presenza da prefecta da provincia de Guayas, Susana González. Ademais, no plenario e por vídeo enviaron as súas mensaxes de felicitación o alcalde de Madrid, José Luis Martínez Almeida, e o presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Braga, Ricardo Río.
En representación de Galicia tamén estiveron presentes, ademais do presidente galego Alberto Núñez Feijóo, o secretario xeral Miguel Tellado, os presidentes provinciais da Coruña, Diego Calvo; Lugo, Elena Candia; e Pontevedra, Alfonso Rueda, ademais doutros membros da dirección galega e de agrupacións locais do resto de provinciais.