O Psdeg-Psoe de Baños de Molgas denuncia o “total” abandono que vive o municipio da man do Bng

O Psdeg-Psoe de Baños de Molgas denuncia o “total” abandono que vive o municipio da man do Bng cuxo bagaxe nestes seis anos e medio de goberno é “pobre e triste”

Os socialistas consideran que a renuncia do alcalde, Xaime Iglesias, a dedicación exclusiva en favor da tenente de alcalde “é unha cortina de fume” coa que tapar a súa “nefasta” xestión ao fronte do goberno

AVANTAR ACTIVIDADES

Critican que o municipio vive no “desleixo” da man dun goberno municipal que non “cumpriu o prometido, que garda proxectos importantes en caixóns e que goberna a base de improvisación”

Baños de Molgas, 11 de outubro de 2021. O PSdeG-PSOE de Baños de Molgas denuncia o “total” abandono que vive o municipio da man do grupo de goberno municipal do BNG, que no último pleno anunciou que o rexedor cedía a dedicación exclusiva a tenente de alcalde. Os socialistas consideran que o balance do rexedor, Xaime Iglesias, ao fronte do Concello “é triste e pobre” e que esta renuncia a dedicación exclusiva non é máis que “unha cortina de fume” coa que tapar a súa “nefasta” xestión ao fronte do goberno municipal. Acusan ao alcalde de deixar a súa dedicación exclusiva porque segundo afirman “o seu interese non está no Concello, está noutro lugar no que vai entrar a traballar”.

Para o Grupo Municipal Socialista o acontecido no último pleno deixa en evidencia que o alcalde “foxe pola porta de atrás” e que o seu modo de actuar “non é novo”, xa que tal e como relatan “esta situación xa se viviu en Baños de Molgas fai 20 anos cando un alcalde do Partido Popular deixou todo en mans do tenente de alcalde”.

Os socialistas critican que ademais do abandono “manifesto” do municipio, o goberno municipal recorre a “improvisación” como acontece coa decisión de que Molgas abandone a mancomunidade para a recollida do lixo. Dende o PSdeG-PSOE de Baños de Molgas afirman que “non é unha mala idea”, pero denuncian que “hai que prever os pasos que se van dar e antes de abandonar a mancomunidade, ter claro como se vai xestionar a partir de entón o servizo do lixo”. Para os socialistas esta decisión que se adoptou en pleno deixa claro que o BNG “non ten a menor idea de cara onde camiña o noso Concello, nin que van facer co futuro” e apuntan a que as explicacións do alcalde “non son claras, xa que no último pleno explicou que saiamos da mancomunidade por un tema de garderías, que non ten relación algunha co lixo”.

O último pleno municipal deixou en evidencia, segundo apuntan dende o Grupo Municipal Socialista en Baños de Molgas, que a “tónica do goberno municipal para os case dous anos que restan de mandato vai ser a deixadez e o desleixo a que xa nos acostumaron nestes máis de seis anos de goberno do BNG”. Os socialistas afirman que “este é o goberno municipal das promesas incumpridas”, xa que tal e como apuntan son “moitos os proxectos que quedaron gardados nun caixón”.

Dende o PSdeG-PSOE de Baños de Molgas afirman que nestes máis de dous anos de mandato do BNG, “o servizo de recollida de lixo non baixou o seu prezo, o custe do servizo da auga aumentou, a casa sindical segue totalmente abandonada, a piscina ou ben non abre, ou abre máis ben pouco, a contratación municipal realizase en municipios de fora, o pavillón de deportes está abandonado, da fundación, que ía ser a biblioteca nada se sabe, ao igual que acontece coa biblioteca do colexio, desaparecida, ou coa burga de auga termal sen estar explotada, xa que os recursos termais van do cano ao río”.

Os socialistas esíxenlle ao goberno municipal que “se poña mans a obra dunha vez por todas para rescatar a Baños de Molgas no ostracismo que eles mesmos nos sumiron e rematar dunha vez por todas coa imaxe de abandono que vive a veciñanza e os turistas que nos visitan”.