A Xunta participa na mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero da mancomunidade de Santa Águeda

  • O delegado territorial indicou que compete aos poderes públicos a loita para a prevención e a erradicación da violencia de xénero
  • Gabriel Alén lembrou que a Xunta considera como obxectivos específicos das Mesas Locais de Coordinación contra a Violencia de Xénero a mellora da detección precoz de casos de violencia de xénero
  • O representante do Goberno galego subliñou a liña de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade, que nos últimos tres anos supuxeron unha achega de preto de 128.000 euros destinados a programas  do Centro de Información á Muller, á promoción da igualdade e a medidas de conciliación

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na reunión da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero da mancomunidade de Santa Águeda, onde destacou a importancia destas Mesas Locais de Coordinación xa que agrupan no ámbito municipal, políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero.

Publicidade

O delegado territorial indicou que compete aos poderes públicos a loita para a prevención e a erradicación da violencia de xénero, coa obriga de articular medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres que a sofren, procurando os medios efectivos e axeitados a cada caso e as alternativas para o exercicio dos seus dereitos como cidadáns nun estado democrático, e polo tanto, resulta fundamental coordinar todos os recursos dirixidos a sensibilizar a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero.

Gabriel Alén lembrou que a Xunta considera como obxectivos específicos das Mesas Locais de Coordinación contra a Violencia de Xénero a mellora da detección precoz de casos de violencia de xénero; optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero; ofrecer unha atención e unha resposta áxil ás vítimas de violencia; mellorar a protección ás vítimas de alto risco; e informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á poboación en xeral.

O representante do Goberno galego subliñou a liña de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade, que nos últimos tres anos supuxeron unha achega de preto de 128.000 euros destinados a programas  do Centro de Información á Muller, á promoción da igualdade e a medidas de conciliación.

O delegado territorial incidiu que é necesario que a coordinación se estenda tamén ao ámbito municipal, favorecendo medidas de coordinación a través da posta en marcha e dinamización das Mesas Locais de Coordinación contra a Violencia de Xénero nos municipios de Galicia, como instrumentos para optimizar a cooperación de todas as entidades implicadas neste obxectivo común, para incrementar o grado e a calidade da coordinación institucional por parte das administracións locais e autonómica, para contribuír a optimizar a accesibilidade aos recursos e as prestacións dos servizos de atención ás mulleres afectadas por situacións de violencia de xénero.