O BNG quere saber se ante a querela presentada pola fiscalía por suposta malversación do alcalde, o PP mantén que “hai que devolverlle a honra a Jácome”

Os nacionalistas celebran a decisión da fiscalía pois desde hai anos se veñen advertindo as prácticas do actual rexedor chegando o propio Jácome a presumir delas

Ante a nova xurdida a última hora desta mañá na que a fiscalía se querela contra Gonzalo P. Jácome por presunta malversación de caudais públicos no que ao financiamento de Democracia Ourensana no periodo 2015 – 2018 se refire, o Grupo Municipal do BNG celebra o paso dado desde a fiscalía ao tempo que lembra que desde hai anos se veñen advertindo estas prácticas, asumidas polo propio Jácome, no que ao financiamento da súa televisión se refire, sen que a xustiza actuara de oficio.

AVANTAR ACTIVIDADES

Igualmente, desde o BNG agardan a reacción do PP ante esta nova, xa que, a diferenza do acontecido en agosto de 2020, cando abandonaron o Goberno Local escudándose nas denuncias formuladas por ex compañeiros de partido de Jácome, agora é a propia fiscalía quen acusa ao actual rexedor de nada máis e nada menos que de malversación continuada de caudais públicos.

Os nacionalistas agardan a que os populares se pronuncien sobre se manteñen necesario restablecerlle “a honra a Jácome” ou pola contra, rachan definitivamente con el.

Para o BNG esta situación dana profundamente a imaxe da institución ao tempo que contribúe á desafección da veciñanza co seu concello, un concello á deriva e sumido no caos e na inacción e que soamente serve de instrumento aos intereses particulares de DO e PP.