O Psoe reunese co colexio de economistas para establecer sinerxías na defensa do colectivo de retornados

O secretario de Emigración do PSdeG-PSOE en Ourense, Luís Gulín, vén de manter unha xuntanza de traballo coa decana do Colexio de Economistas, Carmen Sampayo, para trasladarlle o labor de asesoramento realizado por parte dos socialistas co colectivo de emigrantes retornados en diversos puntos da provincia, así como as súas impresións sobre as dificultades ás que se enfrontan, especialmente os provenientes de Alemaña.

“Queremos establecer sinerxías con entidades que poidan achegar valor ao traballo de representación e defensa que estamos facendo dende o PSdeG-PSOE a favor dun colectivo especialmente numeroso e simbólico para a nosa provincia, como son os emigrantes retornados”, explicou Gulín. Neste sentido, o socialista fixo fincapé na necesidade de “unir forzas para que se escoite a voz dos emigrantes retornados e se atendan as súas demandas”.  

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre outras cuestións, no encontro debullaron a problemática do pago do 5 % á Axencia Tributaria alemá pola percepción de pensións do país xermano e as diferentes casuísticas de trámites administrativos, xa sexa ante as autoridades españolas ou alemás.

Así mesmo, Gulín informou á decana do Colexio de Economistas de Ourense da entrada en vigor da pensión básica alemá o pasado 1 de xaneiro de 2020, “que pode afectar a algúns retornados”, e da situación actual sobre a prestación de dependencia alemá.

O socialista aproveitou tamén a ocasión para pór en valor as numerosas xestións en apoio ao colectivo de emigrantes retornados realizadas por representantes do partido nas institucións locais, autonómicas e estatais, poñéndose a disposición do Colexio de Economistas para colaborar e levar a cabo calquera iniciativa que estimen oportuna.