A Xunta presenta a campaña de vacinación antigripal 2021 na provincia de Ourense

O delegado territorial resaltou que esta campaña terá como principal novidade a administración simultánea das vacinas da gripe e da covid-19 entre a poboación de 80 ou máis anos e que a campaña será implementada, por primeira vez,  de xeito secuencial

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén,  a xefa territorial da Consellería de Sanidade, Laura López, e a coordinadora  asistencial da campaña en Ourense, Josefa Rodríguez, presentaron esta mañá a campaña de vacinación antigripal 2021 na provincia de Ourense, que terá como principal novidade a administración simultánea das vacinas da gripe e da covid-19 entre a poboación de 80 ou máis anos así como a  implementación secuencial por grupos de poboación.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial explicou que as persoas de 80 ou máis anos (con independencia da súa prestación sanitaria) serán citados vía SMS para vacinarse nos puntos de vacinación que se lles indique. Así, no momento en que acudan a recibir a vacina de reforzo da covid-19, ofertaráselles de xeito simultáneo a vacina antigripal. Neste senso, ambas vacinas poderán administrarse nun mesmo acto, aínda que en lugares anatómicos diferentes.

Pola súa banda, as persoas con idades comprendidas entre os 70 e 79 anos, se así o desexan, terán a posibilidade de solicitar -polas vías habituais-, a súa cita para seren vacinados contra a gripe. No caso da vacina contra o coronavirus, unha vez transcorran os seis meses desde que recibiran a segunda das doses da covid-19, Sanidade convocaraas para recibir a terceira dose.

Gabriel Alén convidou a vacinarse contra a gripe a todas as persoas que conforman á poboación diana, e nas que, ademais dos dous grupos de idade citados anteriormente, tamén se atopan as persoas de 60 ou máis anos, os residentes en institucións pechadas de calquera idade; e tamén para aquelas de entre 6 meses e 59 anos de idade que conten con factores de risco de padecer complicacións derivadas da gripe.

A vacinación contra a gripe, tamén está indicada para as embarazadas -estendéndose incluso até nos 6 meses seguintes ao parto-, e para os prematuros. A vacina ofertarase, así mesmo, a aquelas persoas que poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións, así como a aquelas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade, ou grupos con exposición laboral e conviventes con persoas de risco.

A Xunta de Galicia ten como obxectivo para esta campaña acadar o 75% de vacinación entre as persoas maiores de 65 anos e tamén entre os traballadores do Servizo Galego de Saúde. Ademais, situou no 60% a porcentaxe mínima a acadar, entre as mulleres embarazadas.

Tres vacinas antigripais para unha campaña secuencial

A xefa territorial da Consellería de Sanidade, Laura López, explicou polo miúdo como se desenvolverá unha campaña de vacinación na que se empregarán tres tipos de vacinas, segundo os diferentes grupos de poboación.

Por unha banda, administrarase a trivalente adxuvada de antíxenos de superficie inactivados ás persoas de 65 ou máis anos; ademais, a vacina de alta carga tetravalente, aplicarase nas persoas maiores de 60 anos institucionalizadas en residencias, dado que xera unha resposta inmune máis potente neste grupo de persoas cun maior risco de transmisión e; finalmente, disporase a vacina tetravalente de virus fraccionados e inactivados, cuxa indicación comeza a partir dos 6 meses.

A irrupción da pandemia provocou que, por primeira vez, a campaña de vacinación antigripal sexa implementada de xeito secuencial.

A campaña empezou o 18 de outubro coa administración de doses entre o persoal traballador de centros sanitarios  públicos e privados e  desde onte día 25 vacínase ás persoas de 65 ou máis anos, así como ás persoas institucionalizadas de maneira prolongada (residencias de maiores e discapacitados e traballadores destas institucións).

A partir do 15 de novembro, vacinaranse ás persoas de 60 a 64 anos, persoas menores de 60 con patoloxías de risco; embarazadas e puerperio; prematuros de 6 meses a 2 anos; persoal de servizos esenciais; persoal de exposición laboral; e, ademais, o persoal das oficinas de farmacia.

Dende o 29 de novembro as persoas a vacinar serán o resto da poboación diana e conviventes de persoas de risco.

Estes grupos iniciaranse de xeito secuencial e non se pechará un grupo para o inicio do seguinte ata o final da campaña que será o vindeiro 31 de decembro.

O departamento sanitario da Xunta habilitará máis de 900 puntos de vacinación para combater os efectos da gripe. O Goberno galego adquiriu para a actual campaña da gripe un total 885.800 doses, cun investimento de 5.259.157 euros.

A Consellería de Sanidade lembra que as persoas que pertenzan á poboación diana da gripe, e teñan menos de 80 anos, poderán solicitar a súa cita de vacinación a través da web e as aplicación do Sergas; no seu centro de saúde, ou mediante unha chamada telefónica.

Durante toda a campaña manterase o portal web http://gripe.sergas.gal como principal vía de información accesible a toda la sociedade.