O museo etnolóxico de Ribadavia acolle os deseños do referente da arte moderna portuguesa José de Almada Negreiros

  • O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da mostra, enmarcada no proxecto Nortear a prol do reforzo dos vínculos artísticos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
  • Expóñense tintas chinesas orixinais realizadas para o libro Fábulas de Joaquim Manso, así como unha reducida escolma de traballos destinados á ilustración doutras obras do mesmo autor

O Museo Etnolóxico de Ribadavia acolle desde hoxe a exposición Fábulas de Almada Negreiros, composta por diferentes ilustracións do referente da arte moderna portuguesa José de Almada Negreiros. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta tarde na inauguración da mostra, enmarcada no proxecto trasnfronteirizo Nortear que busca reforzar os vínculos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal arredor das manifestacións artísticas

Na exposición móstranse 49 tintas chinesas orixinais, realizadas en 1936 para ilustrar o libro Fábulas, do escritor e xornalista Joaquim Manso, con dirección gráfica de Luís de Montalvor. Pódese ver tamén unha reducida e delicada escolma de ilustracións deseñadas para as obras O pórtico e A nave, do mesmo autor, con quen Almada se asocia para outras publicacións alternativas e excepcionais. Trátase de pezas procedentes do Museo do Abade de Bacal, da localidade portuguesa de Bragança, e poderán verse en Ribadavia ata marzo do vindeiro ano.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a mostra representa unha oportunidade única de achegarse a un “referente imprescindible da cultura portuguesa do século XX”, que foi quen de desenvolverse en múltiples facetas artísticas, cuestionándose constantemente as fronteiras entre as artes. A iniciativa ofrece un conxunto de gran riqueza plástica que constitúe “un eloxio á liña e ao virtuosismo artesanal do debuxo”, engadiu.

No acto participaron, entre outros, a directora rexional de Cultura do Norte, Laura Castro, e o secretario da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Xosé Lago.

Proxecto Nortear

A iniciativa forma parte das actividades integradas no proxecto transfronteirizo Nortear, desenvolvido en colaboración pola Xunta, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Neste marco de acción prevense tamén dúas sesións de conversas entre os escritores Juan Tallón, de Ourense,  e Ivo Machado, de Portugal.

A primeira delas será o vindeiro mércores 17 na Escola Oficial de Idiomas ourensá e a segunda, o día 24 deste mes en Chaves. Ademais, o 27 de novembro, no marco do Culturgal, terá lugar a entrega do premio literario Nortear ao escritor e xornalista Pedro Rodríguez Villar, do concello pontevedrés de Nigrán. 

Neste mesmo contexto, inaugurouse a comezos do mes a exposición Noroeste Cuarta Oeste na localidade portuguesa de Resende. A mostra con fragmentos narrativos, escénicos ou fílmicos percorreu tamén nos últimos meses os centros bibliotecarios xestionados pola Xunta, deixando ver a solidez e coherencia dun universo creativo e as continuidades dos imaxinarios xeográfico e cultural a ambas as dúas beiras do Miño.